Arquivan outra peza da Operación Pulpo e José Tomé fala de "persecución política"

LugoXa
O xulgado de Instrucción número 3 de Lugo vén de arquivar a causa referida ás axudas da Deputación ao equipo de baloncesto Breogán
josé tomé presidente deputación
22 Feb 2021

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé Roca, expresou este luns a súa "satisfacción" pola decisión do xulgado de Instrucción número 3 de Lugo de arquivar outra peza separada da 'Operación Pulpo', a referida ás axudas da institución provincial ao equipo de baloncesto Breogán e asegura que se tratou dunha "persecución política".

José Tomé lembrou tamén, nun comunicado remitido aos medios, que "tamén foron arquivadas as pezas correspondentes a un exame de oposición, a adxudicacións a empresas e as axudas ao fondo social dos traballadores provinciais, todas promovidas pola xuíza Pilar de Lara durante os mandatos de José Ramón Gómez Besteiro como presidente da institución".

O presidente provincial salienta que "cada paso que dá a xustiza, demostra que a actuación da Deputación non merece reproche algún e que a 'Operación Pulpo' foi unha operación política en toda regla". "Afortunadamente -engadiu- a xustiza está corrixindo os seus propios erros, cometidos por unha persoa que nunca debeu actuar así" (en referencia á xuíza Pilar de Lara).

A investigación sobre as axudas ao Breogán, segundo lembrou, xa foi arquivada en 2013 "polo propio xulgado de instrucción número 3 de Lugo pero, aínda así, De Lara volveu a abrila en 2016 e acumulouna á investigación que tiña aberta a Deputación... Ao facer reparto despois de pasar por varios xulgados, agora o número 2 volve de novo a arquivar a causa porque non se aportou nada novo: esta causa é exactamente a mesma".

josé tomé presidente deputación lugo
0.16936898231506