Arranca en Castro de Rei un percorrido do Centro de Información á Muller Móbil

Un dos catro Centros de Información á Muller (CIM) móbiles que puxo en marcha a Xunta o mes pasado percorrerá oito concellos lucenses ata finais de marzo.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitaron esta unidade en Castro de Rei, onde permanecerá durante a xornada de hoxe. O obxectivo é reforzar a sensibilización en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero, especialmente nas zonas rurais que non contan con servizos desta natureza.
As seguintes paradas serán Cervantes (mañá, 10 de marzo, a partir das 10,00 horas); Foz (venres 13 ás 10,30 h); Alfoz (luns 16 ás 10,30 h); Baralla (venres 20 ás 10,30 h); Baleira (luns 23 ás 10,00 h); A Fonsagrada (martes 24 ás 10,00 h); e Becerreá (mércores 25 ás 10,30 h).
Estas unidades están atendidas por persoal especializado, incluídas unha psicóloga e unha traballadora social, para ofrecer orientación e apoio en cuestións relacionadas coa promoción da igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero. Calquera cidadán interesado pode achegarse a solicitar información.
Coa posta en marcha dos CIM itinerantes, a Xunta pretende reforzar a sensibilización en materia de igualdade e garantir que todas as mulleres teñan acceso a servizos de protección e apoio con independencia do concello no que residan. A posta en marcha deste novo recurso supuxo un investimento de 1,6 millóns de euros por parte da Consellería de Política Social e Igualdade.