Arranca en Lugo a escola de pilotaxe de drons Fademur Vuela
25 mulleres rurais participan dende este xoves nunha formación gratuíta que as capacitará para a pilotaxe profesional de drons. Terán a posibilidade de cursar ademais unha especialidade para aplicar esta tecnoloxía no ámbito agrogandeiro ou audiovisual.
Tras aterrar noutras cinco rexións, a escola ambulante de pilotaxe de drons para mulleres rurais Fademur Vuela despegou en Lugo. Alí celebrouse a xornada de presentación e posta en marcha dun curso no que participan 25 mulleres rurais galegas; que nas vindeiras semanas formaranse para converterse en pilotas profesionais de drons.
A presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, a responsable da formación, Carlota Nieto, e a concelleira de Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, inauguraron unha formación que se impartirá na súa maior parte de maneira online. Dese xeito, as participantes poderán avanzar no temario teórico do curso de maneira cómoda para rematar completando a súa capacitación, seis semanas despois, con sesións prácticas de voo e exames presenciais. Unha vez remate esta primeira parte, as mulleres optarán a unha especialización, tamén gratuíta, en drons para agricultura de precisión ou en drons con fins audiovisuais. En total, o curso completo supón 80 horas de formación.
Artesás, gandeiras, emprendedoras de diversos eidos e tamén desempregadas en busca de novos nichos de emprego. Os perfís das mulleres rurais que participan no curso que arrinca hoxe son diversos. Como tamén as súas localidades de orixe, repartidas entre as catro provincias galegas.
O curso servirá ás participantes para obter a titulación de pilotas a distancia de UAS/drons en categoría aberta, A1/A3, A2 e STS01 e STS02 certificado pola AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea). Ademais, tamén obterán a certificación de Fotogrametría, que proporciona as técnicas para obter mapas e planos de grandes extensións de terreo por medio da fotografía aérea.
Plan Allen Rural
Para lanzar a súa escola de pilotaxe de dron, Fademur aliouse coa academia Advanced Smart Robotics (ASR-Formación), da empresa Pirineos Drone, e con Drone Doing, empresa responsable da formación no caso de Galicia. Tamén con IKEA, compañía cuxo apoio permitiu a Fademur lanzar a escola xunto con outras iniciativas enmarcadas no Plan Allen Rural.
Este é un programa co que a organización cumprirá un ambicioso obxectivo: mellorar a situación de máis de 1.000 mulleres de toda España no sector agroalimentario e no ámbito rural. Pola súa parte, cos cursos de Fademur Vuela, a Federación formará a 500 mulleres rurais de dez comunidades autónomas durante 2023 e 2024.
Ademais da formación en pilotaxe de dron, o Plan Allen Rural de Fademur tamén axuda ás mulleres agricultoras e gandeiras na transición ecolóxica das súas explotacións, a mellorar a comercialización dos seus produtos, a complementar os seus proxectos con iniciativas de agroturismo e a avanzar na dixitalización dos seus negocios, entre outras cuestións.
En conxunto, as actividades do Plan Allen Rural mellorarán a posición das mulleres dos pobos no mercado laboral e, por outra banda, sumarán a contribución destas a unha produción nacional máis sustentábel.