Arranca en Lugo a II Feira de Educación, Formación e Emprego con máis de 6.000 visitantes

LugoXa
O obxectivo principal deste evento é proporcionar información, orientación e recursos ao estudantado sobre as diferentes saídas educativas e laborais
Feira-de-Educación,-Formación-e-Emprego-Lugo-2025
9 Apr 2025

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolle dende hoxe a segunda edición da Feira de Educación, Formación e Emprego, unha cita que se celebrará os días 9 e 10 de abril en horario de mañá (09:00 a 14:00 horas) e tarde (16:00 a 19:00 horas), e que espera recibir máis de 6.000 visitantes, principalmente alumnado de institutos que está a piques de tomar decisións clave sobre o seu futuro académico e profesional.

A feira foi inaugurada esta mañá polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González; e o xerente do Pazo de Feiras, Rubén López Fernández, entre outras autoridades.

O obxectivo principal deste evento é proporcionar información, orientación e recursos ao estudantado sobre as diferentes saídas educativas e laborais dispoñibles, co fin de facilitar unha toma de decisións máis consciente e informada.

Nesta edición participan un total de 23 centros educativos galegos, entre os que destacan a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña, así como outras entidades do ámbito formativo. Ademais, a feira conta con espazos dedicados ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e á Formación Profesional.

A Deputación de Lugo tamén está presente cun expositor propio centrado na formación audiovisual que ofrece o seu Centro de Formación Audiovisual. Neste espazo, estudantes poden achegarse a conceptos como a gravación, edición ou realización de vídeo, guiados por técnicos e docentes especializados.

Rubén Arroxo, tenente de alcalde, destacou a importancia deste evento sinalando que “vai marcar o futuro de moitas rapazas e rapaces da cidade que están a piques de iniciar a súa etapa de formación superior”.

A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) tamén participa activamente nesta feira. A coordinadora do COIE da UNED de Lugo, Carmen Gallego López, é a responsable de atender o seu stand, ofrecendo información personalizada e orientación a todas aquelas persoas interesadas nos estudos a distancia. Con esta participación, a UNED de Lugo reafirma o seu compromiso cunha educación superior de calidade, aberta e accesible para toda a sociedade.

Esta II Feira de Educación, Formación e Emprego consolídase como unha cita clave no calendario educativo da provincia, ofrecendo un espazo de encontro entre institucións, estudantes e profesionais do sector.

⚙ Configurar cookies
0.070554971694946