Arranca en Lugo o congreso sobre gandaría extensiva Territorios Pastoreados

LugoXa
O Pazo de San Marcos acolleu o acto de recepción do encontro, organizado pola Fundación Entretantos e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes
congreso-territorios-pastoreados-deputacion
19 sep 2024

A deputada Iria Castro deu a benvida a Lugo a ponentes e asistentes ao congreso de gandeiría extensiva Territorio Pastoreados, organizado pola Fundación Entretantos e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

No acto, a responsable provincial valorou “a celebración por primeira vez en Galicia deste encontro” e subliñou a importancia de acoller e propiciar “o intercambio de experiencias e o debate en relación co futuro do sector primario, estratéxico para a provincia de Lugo” e proporcionar “a gandeiras e gandeiros ferramentas para afrontar os retos que teñen que ver coa adaptación ao cambio climático, a ordenación do territorio ou a distribución da riqueza que xera a súa actividade”. Nese sentido, destacou o valor de contar na provincia coa “bagaxe investigadora e docente do Campus de Lugo en materia agrogandeira e forestal” e “un tecido asociativo e de asesoramento moi dinámico e activo”.

A presidenta da SGPF Isabel Gómez sinalou que “é importante reforzar o papel da gandería extensiva en Galicia dado que é unha práctica instaurada no sistema produtivo tradicional galego, que se foi perdendo debido ao cambio cara a unha produción máis intensiva. O papel da gandería extensiva é importante para a conservación das nosas paisaxes con árbores autóctonas e da biodiversidade, para o control da biomasa nos montes galegos e consecuentemente un sistema contraincendios preventivo e de menor custo que os humanos. As ganderías extensivas tamén garanten o asentamento no rural dado o arraigamento coa terra e a contorna que os rodea”

A representante da Fundación Entretantos María Turiño sinalou que “Territorios Pastoreados pasou por múltiples sitios, Estremadura, Madrid, Xirona, Navarra, Valencia, Zaragoza... Este ano en Galicia estamos a traballar coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes para facer posible o evento en Lugo, unha provincia moi gandeira, o que fomentou un enorme interese e participación. Ademais conta cunha parte moi importante de repercusión internacional grazas ao proxecto Sheep For Bio, que vai comprender unha integración das miradas internacionais e territoriais da gandería extensiva, da substitución xeracional, da súa achega ao ecosistema e tamén en canto á necesidade de diferenciar os produtos. Algo que para nós é transcendental e que se está avanzando desde a Plataforma Pola Gandería Extensiva e o Pastoralismo cun mapa de ganderías extensivas certificadas”

Tras o acto de benvida desenvolveuse un taller internacional sobre pastoreo e biodiversidade ao abeiro do proxecto europeo ShepforBio no que se expuxo a experiencia acumulada co proxecto Naturaleza Pastoreada que se desenvolve en 15 gandarías en espazos protexidos do Estado, e n o que as persoas asistentes se distribuíron en tres mesas de traballo temáticas para abordar a importancia de certificacións que acrediten a diferenciación produtos de gandaría extensiva, o papel do pastoreo na protección da biodiversidade ou as posibilidades de incorporación de novas xeracións ao oficio. Tamén se proxectou o documental Mujeres de viento. Tierra y Ganado.

O congreso continúa xoves, venres e sábado co seguinte programa.

Xoves, 19 de setembro (Escola Politécnica Superior)

  • 09.30h. Mesa Inaugural
  • 10.00h. Mesa 1: Alianzas nacionais e internacionais para a gandería extensiva
  • 12.30h. Mesa 2: Experiencias de sostibilidade ambiental para a gandería extensiva
  • 13.30h. Cata de Tenreira Galega Suprema de ASGAFON
  • 15.00h. Presentación da exposición “Tras os ollos do pastor”
  • 15.30h. Mesa 3: Avances en sostibilidade social da gandería extensiva
  • 17.00h. Visita ao matadoiro móbil da Xunta de Galicia

Venres, 20 de setembro (Escola Politécnica Superior)

  • 09.00h. Relatorio marco: Diferenciación dos produtos e mapa de ganderías certificadas pola PGEP
  • 10.00h. Mesa 4: Sostibilidade económica da gandería extensiva
  • 12.00h. Mesa 5: Sesión “EscolleaTúaSala”: ferramentas para o impulso da gandería extensiva
  • 13.30h. Cata de carne de cordeiro de Pastores e Galicia
  • 16.00h. Conclusións do TP7 e lectura do manifesto “Pastoreo pola biodiversidade
  • 16.30h. Reunión da Plataforma pola Gandería Extensiva e o Pastoralismo; “Herbivorismo Pírico: Pyrics Lab y AFClima”; mesa “A remuda xeración da gandería extensiva en Galicia”

Sábado, 21 de setembro (Visita de Campo)

  • 09.00h. Montes Veciñais en Man Común en Abadín e finca experimental Marco da Curra do CIAM
0.19817614555359