Arranca este venres a programación de verán da Fundación Margarita Ledo Andión

A Fundación Margarita Ledo Andión presenta a programación cultural PRGRMCN ‘25, unha ambiciosa proposta que terá lugar entre os meses de xullo e outubro en Castro de Rei, Terra Chá. As actividades arrancan o 18 de xullo coa inauguración da exposición fotográfica A intimidade da imaxe, de Anna Turbau, comisariada por Margarita Ledo Andión e coa intervención inaugural de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.
Tamén o 18 de xullo comezará a instalación artística Deus te libre de Sergio Marey, cunha introdución a cargo de Eduardo Valiña, que poderá visitarse ata o 15 de agosto. O 31 de xullo, ás 19:30 horas, proxectarase no Auditorio do Museo do Castro de Viladonga o documental A mirada de Ana, do director Llorenç Soler.
O 8 de agosto, a actriz e escritora Ana Moreiras presentará o seu libro A Pausa. Diario do confinamento 2020–2025. Xa en agosto, do 22 ao 19 de setembro, abrirase a exposición multimedia O soño de Markus, obra de Markus Döhne comisariada por Bernardo Tejeda, que contará ese mesmo día, ás 20:00 horas, cun concerto da artista Mónica de Nut.
Do 29 de agosto ao 3 de outubro poderá visitarse Castelao [tinta invisible], unha escolma de materiais fílmicos, gráficos e bibliográficos arredor da figura de Castelao. Ademais, o 29 de agosto ás 19:30 h, proxectarase o filme documental O Consello de Galiza (2025) de Xan Leira, seguido dun coloquio co director.
A programación desenvolverase na sede da Fundación Margarita Ledo Andión, na rúa Emilio Sinde 8-9, en Castro de Rei. O horario de visita será de venres a domingo, entre as 19:00 e as 21:00 horas. Unha proposta cultural ampla e variada que afonda na memoria, a arte e a identidade galega contemporánea.