Arranca hoxe a Feira de San Isidro no barrio lucense da Milagrosa

LugoXa
A Feira de San Isidro da Milagrosa cumpre 26 edicións poñendo en valor productos autóctonos e artesanais, coa colaboración das institucións.
presentacion feira milagrosa san isidro
5 Maio 2023

O deputado de Promoción Económica e Social será o encargado de abrir a 26ª edición do feiral, para a posta en valor dos produtos da provincia.

A Feira do campo e da artesanía de San Isidro da Milagrosa celebra desde hoxe unha nova edición na praza da Milagrosa, organizada pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do barrio.

Pablo Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social, será o encargado de abrir a 26ª edición do feiral, que ten como obxectivo a posta en valor dos produtos da provincia.

Durante toda a fin de semana vendedores chegados de diferentes puntos da provincia de Lugo, achegarán aos visitantes os seus produtos.

Ademais a feira contará cunha programación de actuacións culturais, degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras actividades, que completan o programa do evento.

Pablo Rivera destacou que se trata dunha cita que “serve de escaparate para por en valor a tradición rural da nosa provincia” e destacou o traballo levado a cabo pola asociación de veciños da Milagrosa para conservar e potenciar a feira.

Así mesmo, a institución provincial colabora aportando alimentos autóctonos para unha degustación gratuíta entre os asistentes, por un importe de máis de 7.000 euros.

A feira abrirá hoxe, ás 19.00 horas, coa actuación do grupo de gaitas Son de Lugh para continuar cunha degustación de bica e a lectura do pregón, ás 20.00 horas.

O sábado está prevista a actuación do grupo Reviravolta, ás 19.00 horas e, a continuación, outra degustación, nesta ocasións de queixos e embutidos da Montaña, que se repetirá o domingo á mesma hora.

No último día de feira está previsto un taller de música tradicional ás 11.30 horas e, ás 13.00, a entrega dos premios ás casetas máis visitadas.

0.19906687736511