Arranca no CEI Nodus o obradoiro de emprego Salus Lugo con 20 participantes
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mantivo un encontro este martes co alumnado e persoal docente e directivo do obradoiro dual de emprego Salus Lugo, trala súa posta en marcha nos últimos días promovido polo Exeuctivo de Paula Alvarellos. Durante a reunión, nas instalacións do CEI Nodus, onde se imparten as clases teóricas, Repetto destacou a importancia de proxectos como este para reforzar a formación no ámbito sociosanitario e socioeducativo e mellorar a empregabilidade dos lucenses.
“Este obradoiro non só ofrece unha oportunidade laboral para 20 persoas que se atopaban desempregadas, senón que ademais responde a unha demanda crecente ante unha sociedade cada vez máis envellecida e que precisa coidados de calidade e inclusión efectiva”, sinalou.
A formación teórica compleméntase con traballo efectivo nos centros da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais), Cogami Lugo e San Vicente de Paul. Neste senso, o edil fixo fincapé en que “a colaboración con estas entidades sociais do municipio permite que o alumnado adquira experiencia real en centros que realizan un labor fundamental para garantir a dignidade e o benestar das persoas”.
O obradoiro Salus Lugo forma parte da aposta do Concello para fomentar a formación dual, que combina aprendizaxe teórica e traballo efectivo. O proxecto conta cunha subvención autonómica de 421.000 euros e ofrecerá unha formación de nove meses nas especialidades de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade. Ambos os cursos permiten obter certificados de profesionalidade de nivel 2 e nivel 3, respectivamente.
“A especialidade de promoción e intervención socioeducativa impártese por primeira vez na provincia de Lugo. Isto abre a porta a contar con novos profesionais, como integradores sociais ou educadores, que axuden ás persoas con diversidade funcional a acadar un maior grao de autonomía persoal e inclusión”, apuntou Repetto.
Durante o encontro co alumnado, o edil interesouse polas súas primeiras impresións e motivounos a aproveitar esta oportunidade de aprendizaxe. “A vosa implicación neste proceso é fundamental. Como comunidade, temos a responsabilidade de seguir apostando pola mellora dos servizos sociosanitarios e socioeducativos. E iso pasa por contar con profesionais ben formados, que sexan quen de atender as necesidades das persoas máis vulnerables”, indicou.
Os participantes no obradoiro recibirán un salario equivalente ao SMI (Salario Mínimo Interprofesional) durante os nove meses de duración do programa, tempo no que combinarán a formación teórica nas aulas do CEI Nodus co traballo efectivo nas entidades colaboradoras.
Repetto concluíu destacando que “os obradoiros de emprego son unha ferramenta clave para dinamizar a economía local e fomentar a inserción laboral de persoas desempregadas. Desde o Concello, seguiremos traballando para impulsar máis iniciativas coma esta, que beneficien tanto á cidadanía como ás entidades sociais”.