Arranca o curso no Centro de Formación Audiovisual da Deputación
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, compartiu co alumnado e o profesorado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación o primeiro día do curso 2024-2025, no que se empeza a implantar a nova Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional. Foi unha xornada de reencontros e de presentacións, especialmente para os estudantes de primeiro, que coñeceron as instalacións da escola así como ao profesorado e aos compañeiros e compañeiras.
Rivera Capón, logo de darlles a benvida, destacou “a formación especializada e individualizada que se imparte neste centro da institución provincial, cun número reducido de alumnos e alumnas nos Graos Superiores de FP en Realización e Produción”. Sinalou ademais que coa nova lexislación “haberá máis horas de prácticas en empresas, xa desde o primeiro curso, así como novos módulos, como o de inglés especializado no eido audiovisual ou o de sostibilidade aplicada no sistema produtivo”.
O prazo de matrícula, que é gratuíta, seguirá aberto ata o 30 de setembro ou ata cubrir a totalidade das prazas. O deputado animou aos mozos e mozas lucenses a que aproveiten esta oportunidade. “Nós seguiremos a traballar para formar aos futuros profesionais do sector audiovisual galego dentro da nosa aposta por un ensino público e de calidade”.