Arranca o II Celme de Zanfona en Lugo
Máis de cen zanfonistas dánse cita esta fin de semana no II Celme de zanfona que organiza a asociación de Gaiteiros Galegos xunto á área de Cultura do Concello de Lugo, a Vicepresidencia da Deputación e o CentrAD.
Con este evento, búscase contribuir á promoción e dinamización da zanfona e axudar a darlle unha maior visibilidade para a poboación xeral.
Este encontro, que encherá a cidade de Lugo cos sons das zanfonas, pretende dar a coñecer e poñer en valor á zanfona, facendo protagonista do encontro á súa música, ás escolas existentes no país e as novas propostas existentes coa zanfona, dentro do panorama actual da música tradicional galega.
A música tradicional galega representa un patrimonio cultural inmaterial considerado por moitos estudosos e estudosas un dos máis ricos de Europa, tanto en calidade como en cantidade e variedade. Con este encontro axudaremos a conservar e transmitir ás vindeiras xeracións o Patrimonio Cultural Inmaterial herdado dos nosos antepasados, nesta ocasión, relacionado coa zanfona.
Unha parte importante desa riqueza debémoslla sen dúbida a multitude de persoas que dedicaron a súa vida a traballar na conservación e difusión da nosa cultura a través dos seus traballos, pero non podemos esquecer que a parte fundamental desa riqueza, debémoslle a todas as persoas que ao longo dos séculos souberon preservar e transmitir a nosa riqueza cultural e que grazas ao amor pola nosa terra e pola nosa cultura deixáronnos un legado de valor incalculable.
Dende hoxe e ata o domingo, Lugo converterase na cidade da zanfona con clases maxistrais a cargo de Oscar Fernández, Antón Castro e Suso Vaamonde (previa inscrición), mesas de debate sobre recursos e necesidades ou compan eiros de formacion e unha conferencia sobre a zanfona e o repertorio Patrimonial Galego a cargo Jose Luis do Pico Orjais.
PROGRAMA
Venres
17.00 h Recepción e Presentación
17.30 h - 18.30 h Clases Maxistrais de Zanfona: Oscar Fernández
19.00 h - 20.00 h Actuacións na rúa no Casco Histórico – Sobre Rodas e Francisco do Romualdo
20.00 h Concerto no Casco Histórico – Aulas de zanfona de Cántigas e Agarimos, Fingoi e Tradescola
21.00 h Concerto no Casco Histórico – Xemelgas: Oscar Fernández e Manu Fraguela
Sábado
10.00 h - 11.00 h Clases Maxistrais de Canto: Antón Castro
11.00 h - 11.30 h Descanso
11.30 h - 12.30 h Conferencia A Zanfona e o Repertorio Patrimonial Galego - José Luís do Pico Orjais
12.00 h Concerto para público familiar no Casco Histórico – Monifates
13.00 h Concerto no Casco Histórico -Suso Vaamonde: Zanfona, pedras e voz
17.00 - 18.30 h Mesa redonda Recursos e necesidades: métodos, repertorios, arranxos e novas composicións – Modera: Mauro Sanín; participan: Pedro Pascual, Germán Díaz, Anxo Pintos, Oscar Fernández e Bruno Villamor
19.30 h - 20.30 h Concerto no Casco Histórico – Etrad Zanfona Ensemble
21.00 h Concerto no Casco Histórico – Dúo Pedro Pascual & Germán Díaz: Músicas de tradición galega, ibérica e europea
Domingo
10.00 h - 11.00 h Clases Maxistrais de Zanfona: Suso Vaamonde
11.00 h - 11.30 h Descanso
11.30 h - 12.30 h Mesa Redonda Na procura dos compañeiros de formación - Modera: Suso Vaamonde; participan: Antón Castro, Bieito Romero, Manuel Brañas e Pancho Álvarez
13.00 h Encontro escolas no Casco Histórico- Escola de Zanfona do Padroado de Cultura de Narón, Escola de Zanfonas Suso Vaamonde (Pontevedra), Escola de Zanfona Fingoi (Lugo), Escola de Zanfona Tradescola (Lugo), Escola de Zanfona Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Escola de Zanfona Cántigas da Terra (A Coruña), Zanfonistas da Pontraga A.C. Brisas do Quenllo (Tordoia), Aula de Zanfona da Escola de Gaitas Provincia de Pontevedra, Aula de Zanfona do Conservatorio de Torroso (Mós), Etrad Zandona Ensemble (Vigo)