Arranca o programa Digalicia para a transformación dixital de pemes

LugoXa
En marcha o programa DIGALICIA, para transformación dixital das pemes galegas que se financia a través dos Fondos Next Generation UE
presentacion programa digalicia dixitalizacion pemes cel
15 Xuño 2023

O programa finánciase a través dos Fondos Next Generation UE no marco da iniciativa Generación Digital, liderada pola Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (Sedia) do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, en colaboración coa Fundación EOI.

A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe a presentación dun novo programa de formación e tutelaje orientado a fomentar a transformación dixital das pemes galegas, Digalicia, financiado a través dos fondos Next Generation UE do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia Económica e enmarcado na iniciativa “Generación Digital”, liderada pola Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (Sedia) do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Digital, en colaboración coa Fundación EOI.

O programa foi presentado en detalle por Jaime López, secretario xeral da CEL, organización colaboradora con Digalicia na provincia, e Ramón Martínez, CEO de Estudos Rafer, empresa lucense que encabeza a agrupación xestora deste programa de financiamento europeo.

Produtividade e internacionalización

O secretario da CEL destacou na súa intervención o interese de que unha empresa lucense pilote no noso territorio un proxecto desas características, e subliñou que “hoxe en día a transformación dixital xa non se pode pensar a futuro; é unha obriga inmediata para as pemes que queiran sobrevivir a curto e medio prazo”.

Igualmente, destacou que iniciativas deste tipo, ademais, fomentan a “mellora da produtividade e as posibilidades de crecemento e internacionalización das pemes” e resultan moi atractivas por canto inclúen formación e tutelaxe “in situ”, nas propias instalacións das empresas, así como posibilidade de acceso a axudas para a contratación de persoal formado específicamente para avanzar nos procesos de dixitalización.

Fases

Pola súa banda, Ramón Martínez encargouse de detallar o contido do programa Digalicia, destacando que é un programa que consta de dúas fases, unha primeira de formación dirixida a directivos e responsables de departamento de pequenas e medianas empresas, e outra segunda de formación de novos expertos en dixitalización, denominados “axentes do cambio” ou “axentes de transformación dixital”, dirixida a persoas en situación de desemprego e traballadores. Ambas fases se completan cun apoio final pola que as pemes participantes poderán acceder a axudas de até 20.000 euros para contratación dos expertos en dixitalización formados.

A primeira fase de Digalicia porase en marcha en Lugo de forma inmediata cunha primeira xornada informativa dirixida a empresarios e directivos que terá lugar o próximo día 27 de xuño, ás 13:00 horas, na sede central da CEL.

Esta parte do programa inclúe sesións virtuais interactivas, talleres personalizados “in situ”, material de aprendizaxe en liña e apoio ou soporte continuo aos participantes que se prolongará finalizada a fase formativa para garantir a implementación das estratexias de dixitalización aprendidas.

Todos os detalles do programa (perfís de destinatarios, duración e características das formacións e sesións personalizadas, entroutros) poden consultarse na web https://digalicia.es/, chamando ao teléfono 672063331 ou no mail directivos@digalicia.es. Así mesmo, os interesados en asistir á primeira xornada presencial poderán facelo na web www.cel.es ou directamente nesta ligazón.

0.19941687583923