Arranca o Salón Internacional do Cabalo na Feira de Mostras

LugoXa
Arranca o Salón Internacional do Cabalo no pazo de feiras e congresos Lugo coa colaboración da Deputación que se prolonga ata o 21
presentacion equigal lugo
5 Maio 2023

O deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este venres na inauguración do XVI Salón Internacional do Cabalo, Equigal, que acollerá o Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo as fins de semana deste mes de maio ata o día 21. A institución provincial achega 40.000€ para a organización deste evento ecuestre de referencia no noroeste de España, que reunirá a 100 ganderías e 300 exemplares de diferentes puntos xeográficos.

García Pernas enmarcou o respaldo a esta cita no apoio da Deputación ao sector primario como política proritaria, tendo en conta o seu peso fundamental na ecomomía da provincia, e tamén pola súa gran capacidade de retorno económico para actividades como o comercio e a hostalería, e para a promoción do territorio.

Así mesmo, cualificou de "acerto" promover actividades como os bautismos ecuestres e a colaboración cos colexios, "para que os máis pequenos entren en contacto da man de expertos co mundo do cabalo". "Favorecer entre os rapaces a conciencia ecolóxica, o respecto polo medio ambiente, e polo benestar animal é, sen dúbida, un elemento fundamental de cara a construír unha sociedade mellor con modelos de convivencia máis harmónicos”, asegurou García Pernas.

A programación de Equigal inclúe o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo, o VI Concurso de Cabalos de Pura Raza Árabe, o XVI Concurso Internacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española e o Concurso Morfolóxico de Cabalos de Pura Raza Galega, así como unha Proba de Enganches, que entra dentro da categoría de Xogos Ecuestres Federados. Ademais, está prevista a organización de actividades gratuítas de iniciación ao mundo ecuestre dirixidas a escolares de Primaria.

0.20306801795959