Arranca o San Froilán coa lectura do pregón nun primeiro día de festas con choiva

LugoXa
Comezou cun canto aberto d'O Carro, de Fuxan os Ventos, musicado por Mero Iglesias e coa poesía escrita por Manuel María
pregon-san-froilan-
4 Oct 2025

A xornalista Cristina Lombao deu o pistoletazo de saída a un San Froilán 2025 que chega con máis de 200 actividades que se celebrarán ata o vindeiro domingo 12; que foi precedido por un canto aberto da canción O Carro, de Fuxan os Ventos musicada por Mero Iglesias coa poesía escrita por Manuel María.

A actividade musical foi dirixida polos lucenses Fernando Jácome e Bruno Villamor, e a Tenencia de Alcaldía facilitou partituras do tema ás persoas asistentes, para facilitar a participación de toda a veciñanza.

Co comezo do pregón, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a Cristina Lombao como "unha das voces máis relevantes da historia da radio tanto en Lugo como en Galicia", e afirmou que este San Froilán "non é só un extenso calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a nosa identidade cultural e poñer en valor a Lugo como cidade chea de cultura". "Queremos que veciñas e visitantes vivan a festa como unha experiencia colectiva, na que a música, a gastronomía e a tradición se unan", explicou a edil de Cultura.

A pregoeira, Cristina Lombao, destacou que o San Froilán "é, sen dúbida, tempo de encontro, de sair á rúa para ver o que nos ofrece, e atopar persoas que quizais levamos tempo sen ver, os que regresan por San Froilán e os que non perdoan inda que sexa tan so unha tarde en Lugo, uns momentos no San Froilán, onde sempre atoparon espazo para botar unhas risas e celebrar a vida".

AUTORIDADES

Entre as autoridades presentes también estivo o presidente da Deputación, José Tomé Roca, que animou a visitantes, veciños e veciñas “a participar nos festexos, a desfrutar da tradición de comer polbo nas casetas e do ambiente no recinto feiral en familia ou con amigos”. Trasladou ademais os seus mellores desexos “dunhas felices patronais para toda a cidade de Lugo, unhas festas que son identidade, orgullo e tradición, e que cada ano reúnen a milleiros de persoas arredor da cultura, a música e a convivencia”. O mandatario provincial asistirá mañá, 5 de outubro, aos actos relixiosos na honra ao patrón.

Desde o balcón do Concello, o alcalde, Miguel Fernández, dixo ter “moitas ganas de ver cómo se viven estas festas coa nova conformación dunha cidade máis aberta, peonil, cómoda e accesible, unhas características que tamén definen ás nosas patronais, por tratarse dunhas celebracións que acollen, que dan a benvida a visitantes e ás e aos lucenses que por uns días retornan a súa cidade”.

Ademais, o rexedor tivo unha lembranza moi especial para Paula Alvarellos, “unha muller que por encima do seu cargo como alcaldesa amaba estas festas e o que significan para Lugo”, así como para o compañeiro de corporación Pablo Permuy. Ambos se entregaron a esta cidade, nun claro exemplo do que é auténtico compromiso de servizo público e tamén nestes momentos imos votarlles moito en falta”.

OUTROS ACTOS

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, inauguraron a mostra gandeira ExpoLugo A Rural, que reúne en Lugo máis de 60 animais, na súa maioría, de razas autóctonas galegas e que lembra a tradición gandeira do San Froilán.

Tras a apertura do recinto, a carón do Vello Cárcere, os responsables provincias recorreron os postos e corraletas da mostra, que acollen exemplares das razas autóctonas galegos de vacún Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega, de Ovella e Cabra Galega, de Porco Celta, de cabalo de Pura Raza Galega, de Galiña de Mos e Galiña Piñeira e de Can de Palleiro, así como animais doutras razas, recoñecidas polas súas características física ou rendemento como as ovellas Suffolk, Charolesa, Romanov, Churra e Texel Negra e vacas Charolesas, e maquinaria clásica da man de Muvicla.

Pola súa banda, Rubén Arroxo e Cristina López visitaron as feiras do Mel e de Olería, que se organizan durante esta fin de semana na praza da Soidade e na rúa Quiroga Ballesteros respectivamente. Arroxo afirmou que "estas dúas citas xa están consolidadas como dúas das actividades máis importantes do San Froilán, e cada ano gozan de centos de visitantes".

A Feira do Mel terá lugar hoxe, sábado 4, e mañá, domingo 5, entre as 10 e as 21 horas, e conta con espazos para que os distintos productores e productoras vendan mel de calidade, producido nas terras de Lugo.

Tamén se desenvolvey unha cata de meles a cargo de representantes do consello regulador da IXP Mel de Galiza, e pola tarde celebrouse un obradoiro de globoflexia para as máis pequenas e pequenos. Na xornada de mañá, poderase desfrutar dun obradoiro de candeas, que terá lugar entre as 12 e as 14 horas. A Feira do Mel compleméntase coa exposición "Abellas e abelleiros, unha relación ancestral na Galiza meleira", que se pode visitar no Museo Provincial de Lugo até o 2 de novembro.

⚙ Configurar cookies
0.091048002243042