Arranca unha nova campaña do comercio en Lugo
A Federación de Comercio de Lugo, da man da Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, pon en marcha a iniciativa Merca no teu comercio- Lugo, campaña de ámbito rexional que na provincia de Lugo terá dúas edicións. A primeira será do 10 ao 30 de setembro cunha gala entrega de premios o 14 de outubro. A segunda edición será do 10 ao 30 de outubro coa gala o 11 de novembro.
En cada unha das edicións da campaña sortearase entre todos os tíckets rexistrados por comerciantes ou consumidores directamente, un total de 10.000 euros, repartidos en 50 bonos QR de 200 euros, que unicamente poderán ser canxeados nos establecementos adheridos.
Ademais, en cada unha das galas de entrega de premios, sortearase en directo un bono de 1.000 euros. Neste sorteo poderán participar todos os premiados e os seus acompañantes ata completar aforo, segundo as condicións recollidas nas bases (presentar tícket de compra nas datas da campaña e unha participación por persoa, entre outras). Este premio de 1.000 euros deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo.
A presentación desta iniciativa tivo lugar na capital lucense coa presencia do presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; e a directora territorial de Abanca, Zaira Dapena.
A campaña Merca no teu comercio - Lugo, busca fomentar as vendas e poñer en valor e promocionar as compras nos comercios de proximidade de toda a provincia, sensibilizando e premiando a fidelidade dos clientes.