Arranca a 17ª edición de Equigal que converte a Lugo na capital do cabalo
A 17ª edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, terá lugar ao longo deste mes no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para converter a cidade na capital do cabalo. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, percorreu a cita que se desenvolve ata o 12 de maio grazas ao apoio da institución provincial cunha achega de 40.000 euros, sendo un ano máis a principal patrocinadora deste evento.
Rivera Capón puxo en valor esta cita que atrae a numeroso público e que xa é “un evento consolidado e recoñecido socialmente entre os amantes dos deportes ecuestres. Aquí non só podemos apreciar a beleza e a calidade destes animais, senón que tamén os nenos e nenas poden achegarse ao mundo ecuestre”.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, tamén participou na apertura do XVII Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que inclúe distintas propostas e a primeira é o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos, que disputarán durante a fin de semana os 85 xinetes inscritos.
Ata o domingo celebrarase o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos; do luns 6 ao venres 10 de maio haberá bautismos ecuestres; entre os días 11 e 12 terá lugar un concurso internacional morfolóxico de cabalos e eguas de pura Raza Árabe; e tamén o día 12 o concurso morfolóxico de cabalo Pura Raza Galega. E entre o luns e o venres haberá actividades para escolares e charlas sobre anatomía equina e a historia do cabalo
O evento é unha boa forma de achegar o mundo ecuestre aos máis cativos, xa que os bautismos ecuestres posibilitan unha primeira toma de contacto para máis de 300 nenos e nenas da provincia. Nesta nova edición participarán máis de 200 cabalos, con todo o que implica tanto a nivel turístico para a cidade como para os gandeiros da provincia.