Arranca unha nova edición do Circuíto Corre con Nós
A Concelleria de Xuventude e Deportes que dirixe Jorge Bustos presentou esta mañá unha nova edición do Circuíto Larsa Corre con Nós 2024.
No acto, que tivo lugar nas instalacións que a factoría ten preto da cidade, o edil estivo acompañado pola responsable de Marketing de Larsa, Ana Rodríguez Grande.
O Circuíto Larsa Corre con Nós 2024 abría o pasado luns o período de inscricións a través da páxina web www.correconnos.com na que se aloxa toda a información da competición que contará novamente con 6 probas que percorrerán distintos barrios lucenses.
A primeira delas, como vén sendo habitual na cita inaugural desta carreira popular lucense, será nocturna polo centro da cidade e terá lugar o vindeiro Sábado 10 de Febreiro. “Con ela daremos o pistoletazo inicial a esta tempada atlética na capital, logo de que no mes de decembro se celebrase xa a XX edición da Lugo Monumental”, lembrou Jorge Bustos.
O responsable de Deportes sinalou tamén que haberá dúas probas máis no mes de marzo e as tres seguintes serán en abril e maio rematando o circuíto no mes de xuño para completar as seis probas que inclúe.
“Dende a organización analízase agora un posible cambio de trazado nalgunha das carreiras - que será anunciado no seu momento - para dar un maior protagonismo aos diferentes barrios da cidade polos que transcorre pero tamén para modernizar e actualizar os percorridos”, avanzou.
Bustos adiantou tamén que, “a estas alturas o circuíto xa conta con 700 persoas inscritas en todas as categorías e para participar nas diversas probas que se convocarán nos próximos 5 meses” e recordou que a tempada pasada houbo un total de 1850 participantes (1197 homes e 653 mulleres), nas categorías de minis (225); 10/12 anos (269); 14/16 anos (118) e adultos (1.238).
O prazo para anotarse na primeira proba remata o domingo 4 de febreiro e toda a información pode consultarse no seguinte enderezo electrónico https://correconnos.com/