Arrancan en Lugo os cursos estivais de balde da USC

LugoXa
Un curso sobre deseño e análise de experimentos abre o martes a programación formativa estival do Campus Terra
campus terra usc lugo
8 Xul 2022

O Campus Terra continúa este verán o seu programa de accións formativas gratuítas coa celebración dos cursos Deseño e análise de experimentos, que comeza o martes 12, e Propiedade industrial e intelectual. Por qué usar patentes para crear valor?. Casos do sector agroforestal, que se desenvolverá no edificio Cactus a partir do 20 de xullo.

O programa de accións formativas do Campus Terra continuará a partir do mes de setembro coa organización de 14 cursos de temática específica dirixidos a estudantes de grao e mestrado, PDI e axentes do tecido produtivo. As prazas son limitadas e a inscrición xa está aberta en liña.

O obxectivo destas actividades formativas é fomentar e complementar a formación continua do persoal docente e investigador do Campus de Lugo, potenciar a transversabilidade de coñecementos entre o alumnado de graos e mestrados e mellorar a capacitación de profesionais vinculados ás áreas de coñecemento do Campus Terra. As diversas convocatorias van dirixidas principalmente á comunidade universitaria do campus lucense, pero tamén está aberta a todos os membros da USC cuxa actividade teña ligazóns cos eixos científicos do Campus Terra.

Alén destes cursos, a grella de accións formativas especializadas inclúe máis dunha ducia de módulos específicos nos meses de setembro, outubro e novembro. Así, o alumnado de grao e mestrado poderán completar en setembro programas de introdución ao manexo de drons, edicións de documentos e presentacións de LaTex, xestión de tarefas e de tempo ou de manexo avanzado de follas de cálculo.

Estes cursos tamén están abertos á participación do PDI, que, ademais tamén poderá ampliar coñecementos en cursos de configuración e administración de redes, introdución ao sistema operativo Linux, introdución avanzada no emprego de QGis, Power-Bl análise de datos e business intelligence ou sobre novas alternativas forraxeiras para gando vacún de leite.

Os programas formativos previstos para o mes de outubro abarcan outros ámbitos temáticos específicos, tales como poden ser a situación actual do sector UAS, análise de eficiencia e produtividade en explotacións agropecuarias, avaliación económico- financeira de proxectos ambientais, xestión económico-financeira de explotacións de leite ou tendencias actuais na educación no medio natural e rural.

0.17638111114502