Arredor de 10.000 persoas visitaron as piscinas exteriores de Frigsa en xullo

LugoXa
O Concello mantén prezos e abonos, ao tempo que incrementa acordos con clubs e campamentos para fomentar o uso das instalacións
Piscinas frigsa conselleiro deportes
10 Aug 2025

Preto de 10.000 persoas acudiron o pasado mes ás piscinas exteriores de Frigsa, unha das instalacións municipais máis concorridas polos veciños e veciñas de Lugo durante o verán.

Segundo explicou o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, as cifras de asistencia mantéñense en liña con anos anteriores, aínda que cada vez son máis os convenios e acordos con clubs, asociacións deportivas e campamentos infantís, que permiten aos máis pequenos facer uso destas instalacións con prezos especiais ou abonos subvencionados polo Concello.

A climatoloxía condicionou a afluencia en xullo, con xornadas nas que se rexistraron menos de 50 entradas e outras nas que se alcanzaron preto de 850 usuarios. Un ano máis, a área de Deportes decidiu manter tanto o prezo das entradas como o custo dos abonos.

As piscinas permanecerán abertas ata o 31 de agosto, en horario de 12.00 a 20.30 horas de luns a venres, e cun peche media hora antes durante as fins de semana. Na primeira semana de agosto, a media de asistencia xa superou a de xullo, unha tendencia que se espera manter ata final de tempada.

⚙ Configurar cookies
0.59785890579224