Arredor de 200 persoas participan na asemblea xeral da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais en Lugo
A asemblea xeral da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV) reúne no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo a máis de 200 representantes de distintos puntos de España.
Os eixos principais da xornada serán a vivenda e as infraestruturas e o transporte, que serán abordados desde distintas perspectivas por profesionais de diversos ámbitos, entre eles Rubén Sánchez, secretario xeral da organización de consumidores FACUA, e Marta Vall-llossèra Ferrán, presidenta do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.
No acto de apertura, o delegado territorial explicou que “o problema da vivenda é un auténtico reto de país” e gabou “as interesante achegas que fixo xa a CEAV, como a Guía Veciñal de Rehabilitación aprobada o ano pasado”. Afirmou que “é tamén unha cuestión prioritaria para a Xunta nesta lexislatura, na que pretendemos duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas, e facilitar chan para construír 25.000 novas, 20.000 delas protexidas”.
Arias sinalou que ese obxectivo “comeza a ser unha realidade tanxible”, coa creación da Sociedad Pública de Vivienda de Galicia e o esforzo orzamentario para 2025, que supón triplicar a dotación ata consignar 241 millóns de euros para vivenda e urbanismo. “Actualmente temos en marcha plans para máis de 1.600 vivendas de promoción pública -asegurou-, das que 779 están en construción ou con proxecto ou obra licitada ou adxudicada; entre elas figuran 146 na cidade de Lugo, que están en fase de redacción do proxecto”.
Por outra banda, lembrou “o inxente traballo” que supuxo o Plan de Transporte Público de Galicia e os incentivos postos en marcha, de forma que as persoas de ata 20 anos ou maiores de 65 contan con 60 viaxes gratuítos ao mes.
A asemblea da CEAV serve tamén para presentar os informes de xestión e dar entrada ás asociacións que demandaron a súa adscrición no último ano.
Ademais, inaugurarase na Delegación Territorial unha exposición que percorrerá distintas cidades do país amosando a actividade desenvolvida pola entidade veciñal desde a última asemblea nacional, celebrada en marzo do 2023 en Badalona.
Igualmente, no marco deste encontro estrearanse os premios “Recoñecementos veciñais”, que a Confederación pon en marcha para agradecer a colaboración que reciben por parte de persoas e institucións concretas. Entregaranse durante a cea no restaurante A Fortaleza- Torre de Núñez e entre as galardoadas nesta primeira edición figura Marta Vall-llossèra.