Arredor de 50 antigos alumnos de Humanidades de Lugo xuntáronse nun acto conmemorativo
Hai trinta anos botaba a andar a Licenciatura en Humanidades no antigo Colexio Universitario de Lugo e hai xa vintecinco anos, no ano 1999, remataron a titulación os primeiros alumnos e alumnas da segunda promoción.
Para conmemorar estas dúas efemérides e homenaxear a estes “pioneiros e pioneiras humanistas”, celebrouse un acto na Facultade de Humanidades no que se xuntaron preto de medio cento de antigos alumnos.
O actual decano, Gonzalo Francisco Fernández Suárez abriu o acto cun agarimoso saúdo a aqueles que cursaran a súa titulación na antiga facultade e que se trasladou: “Benvidos a súa casa”.
Neste acto conmemorativo, tamén interviñeron representantes do alumnado destas dúas promocións lembrando con nostalxia e emoción os seus anos no campus lucense e o exvicedecano Jesús Varela Zapata que puxo en valor a importancia dos estudos humanísticos manifestando: “Sodes a proba de que os estudos da área de humanidades son válidos, demostráchelo”.
Pechou a cita a decana da Facultade de Humanidades entre os anos 1993 e 2000, Concepción Burgo López, que se mostrou agradecida pola iniciativa do alumnado comezando a súa intervención con espontaneidade e agradecemento aos organizadores: “Teño un subidón que nin volo imaxinades” e continuou remarcando o valor das humanidades: “Calquera cambio en positivo que necesite a nosa sociedade virá sempre desde o ser humano, e por tanto os humanistas somos máis necesarios que nunca”.
A xornada concluíu cun ágape na cafetaría do centro no que os pioneiros e pioneiras lembraron as súas vivencias da vida universitaria.