Arredor de 650 nenos e nenas participan no Antas Cup de fútbol 8
O Concello de Antas de Ulla acolle a celebración dunha nova edición da Antas Cup de fútbol 8, organizada pola SD Antas, no campo municipal Castro Seoane. A 7ª Antas Cup – Parque Central de Galicia terá lugar esta fin de semana, comezando o venres, día 21 de xuño, cos partidos da categoría biberón.
A continuación, o sábado, día 22 de xuño, serán os partidos da categoría alevín, e o domingo 23, os das categorías benxamín e prebenxamín. Arredor de 650 nenos e nenas participarán na competición, pertencentes a 44 equipos de máis de 20 clubs diferentes, chegados de toda Galicia.
A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, sinala que este evento “chega este ano á súa 7ª edición asentándose como unha das citas deportivas máis destacadas para a cativada de Antas de Ulla”. Competicións como esta “son clave para a promoción do deporte e dun estilo de vida saudable entre a rapazada, polo que dende o Concello seguiremos apostando por elas”, engadiu a rexedora.