Arrinca en Lugo a Asemblea Anual de Empresas Veterinarias de Galicia
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu ao acto de benvida co que arrincou en Lugo a Asemblea Anual de Empresas Veterinarias de Galicia, onde recordou tanto a súa formación como membro de dita profesión, licenciado como veterinario pola USC, como os anos nos que exerceu a mesma entre 1996 e 2007. Unha actividade que correu parella á súa implicación na política local do seu concello natal na Mariña, Cervo, que tivo que deixar cando se converteu en alcalde, pero da que nunca renegará porque, dixo, é imprescindible tanto para o sector gandeiro como para o conxunto da actividade pesqueira e marisqueira en Galicia.
Tras facer un percorrido polos seus anos de experiencia, onde traballou de forma itinerante nas campañas de saneamento da Xunta por concellos eminentemente gandeiros como Lourenzá ou Baleira, entre moitos outros, puxo en valor a excelente labor duns profesionais que poden presumir de contribuír a que a cabana galega sexa das máis controladas e en óptimas condicións na UE.
Non perdeu a oportunidade de recordar que, coa súa chegada á Consellería do Mar en xuño do ano pasado, retomou en certa forma o contacto: Gardacostas de Galicia conta cunha vintena de veterinarios en activo fundamentais tamén á hora de velar pola calidade e a seguridade alimentaria.