Arrinca o acondicionamento das rúas da contorna do HULA
O Concello de Lugo levará a cabo esta semana tarefas de desbroce en tres rúas próximas ao HULA, concretamente nas rúas San Cibrao, Ulises Romero e Alicia Vilas. No caso das rúas San Cibrao e Ulises Romero, os traballos realizaranse ata a conexión coas rotondas da Rolda Leste.
A limpeza viaria, que se fará de xeito integral, comprende roza, varrido, baldeo e desatasco de canalizacións e terá lugar desde hoxe, luns 8 de febreiro, ata o día 13, en horario de 07.00 a 20.00 horas. Contará cun dispositivo de limpeza composto por un tractor con rozadora e maquinista, dous peóns con rozadoras manuais, un peón con soplador, un equipo mixto de desatasco e limpeza de sumidoiros con maquinista e un peón, unha varredora con maquinista e unha cisterna de baldeo mixto con maquinista e un peón.
Tal e como explicou o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos ,"trátase de mellorar a visibilidade na nosa rede viaria, así como as comunicacións e a seguridade das persoas que circulen por ela", e remarcou que "en definitiva, trátase de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, asegurándolles a súa comodidade".