Arrincan os traballos para crear 340 novas prazas de estacionamento gratuíto no HULA
A actuación, que terá un prazo de execución de 4 meses, suporá un investimento municipal de 157.000€.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisaba este luns o inicio dos traballos para habilitar 340 novas prazas de estacionamento gratuíto na contorna do HULA.
A actuación, adxudicada á empresa Excavaciones J. Carreira, suporá un investimento municipal de 156.902 euros, cos que o Goberno local pretende construír un novo aparcadoiro nas inmediacións do centro sanitario.
“Buscamos, así, atender as demandas da veciñanza que segue atopando elevadas as tarifas do parking soterrado”, apuntou a rexedora ao tempo que lembrou que o recinto ocupará dúas parcelas que no seu conxunto suman 11.510 m² con capacidade para máis de 300 vehículos.
A nova área de estacionamento contará con dous accesos: se procurará unha entrada ao recinto polo extremo norte, a partir da vía asfaltada, colocando filas dobres de aparcamento en batería paralelas á rúa Doutor Ulises Romero, no caso do predio da dereita; mentres que no da esquerda optouse por distribuír as prazas de forma paralela ao camiño de acceso, conseguindo con esta organización 340 prazas de 5x2’50 metros.
“A intervención procurará, na medida do posible, atender as necesidades que nos comunica a cidadanía e que, neste caso, queren paliar o elevado custo que segue a ter o parking do Hospital e que obriga a profesionais sanitarios e pacientes a buscar alternativas na vía pública”, apuntou Lara Méndez.
A alcaldesa lembrou que, actualmente, ao redor do complexo hospitalario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde, logo de que o Concello repintase as marcas viarias que circundan o HULA para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións e que agora se verán incrementadas noutras 340 máis.