Arroxo afirma que desenvolverá un plan de atención ao medio rural
O candidato do BNG mantivo un encontro coa veciñanza de Orbazai, onde anunciou que “o mantemento das estradas realizaranse con asfalto en quente, unha solución de calidade que garante a durabilidade do traballo”.
Arroxo anunciou a posta en marcha dun plan de atención ao medio rural “que garanta o acaído mantemento da extensa rede viaria do rural de Lugo”. Arroxo explicou que “é preciso continuar a reforzar a brigada de atención á zona rural e garantir que nas estradas nas que se interveña se utilice asfalto en quente, unha solución que reduce as necesidades de mantemento e conta cunha gran durabilidade”.
Entre as medidas do BNG para a zona rural figura tamén a posta en marcha do servizo de taxi a demanda, ampliar a programación de actividades nas escolas rurais e ampliar a rede de abastecemento e saneamento.
Rubén Arroxo pediu o voto da veciñanza da zona rural, e afirmou que “as zonas periurbanas como Galegos ou Castelo xa viron o cambio que supón un goberno do BNG”. O candidato do BNG á alcaldía afirmou que “a partir do 28M, cando sexa alcalde, poderemos traballar nas 54 parroquias de Lugo e darlles o cambio que precisan”.
“Neste mandato, coa Tenencia de Alcaldía, fomos quen de cumplir o 95% das propostas de programa das áreas do concello que xestionamos”, destacou Rubén Arroxo, que engadiu “o BNG está preparado para gobernar Lugo e facer do noso concello un lugar mellor”.