Arroxo anima a seguir usando o transporte accesible malia "que non foi renovado o decreto estatal que permitía os descontos"

LugoXa
O tenente alcalde aproveitou para lembrar que o 2024 foi un ano histórico para o bus urbano, acadando o récord de persoas usuarias desde que se gardan rexistros
bus-lugo
23 Jan 2025

Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo e responsable da área de Mobilidade, vén de sinalar que “malia que non foi renovado o decreto do estado que permitía os descontos en transporte publico, os buses urbanos de Lugo non se van ver afectados, e continuarán a ser os máis baratos de Galicia e os terceiros máis económicos de todo o Estado”.

“En Lugo queremos que o transporte urbano siga sendo unha opción cómoda e accesible para todas as persoas, e manter as tarifas actuais é unha prioridade dado que o bus urbano é unha ferramenta clave para mellorar a mobilidade e a calidade de vida na nosa cidade”, sinalou Arroxo.

O tenente alcalde aproveitou para lembrar que o 2024 foi un ano histórico para o bus urbano, acadando o récord de persoas usuarias desde que se gardan rexistros. “O pasado ano expedíronse 2.219.312 billetes, unha cifra que confirma que cada vez máis veciñas e veciños optan por este medio de transporte. Isto demostra que as medidas postas en marcha polo Concello, como a reformulación das liñas, están a funcionar”.

Rubén Arroxo animou á cidadanía a seguir apostando polo bus urbano como unha alternativa económica, práctica e sostible. “Queremos que Lugo sexa unha cidade cada vez máis accesible para as persoas, e iso pasa por promover o uso dun transporte público eficiente que, ademais, evita os problemas asociados ao tráfico e ao aparcamento”.

 

0.19032597541809