Arroxo anuncia a finalización das obras de peonalización de Camiño Real
A nova zona peonil incluirá bancos con respaldo e novas zonas verdes “avanzando obxectivo de crear zonas de paseo con sombra por todo o tecido urbano de Lugo”.
O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, achegouse ata a rúa Camiño Real, onde avanzan os traballos de peonalización do treito comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. Rubén Arroxo anunciou que “en poucos días a veciñanza poderá desfrutar desta obra rematada, creando unha nova zona peonil na contorna da Muralla, e avanzando na recuperación de espazos na zona norte do monumento”.
O Tenente Alcalde destacou que esta nova zona contará con árbores que permitirán crear unha zona de paseo de sombra “facendo máis agradable a estancia na vía pública durante os meses de máis calor, e avanzando no obxectivo de crear zonas de paseo con sombra en todo o tecido urbano de Lugo”.
Arroxo destacou que as actuacións executadas pola Tenencia de Alcaldía “buscan aumentar a cantidade de árbores sempre que é posible”. O Goberno de Lugo traballa para “crear un gran pulmón verde nas rúas de Lugo”, que permite mellorar o benestar da veciñanza ao reducir a temperatura do pavimento e “axudar a paliar os efectos do cambio climático”.
"A situación climática pola que estamos a pasar require de moitas accións a nivel global, mais é preciso tamén traballar a pequena escala desde os concellos e cada persoa de xeito individual para tratar de reducir as consecuencias do cambio climático", afirmou Rubén Arroxo
Este treito terá un mellor acondicionamento ambiental, dado que se instalarán novas verdes con árbores e arbustos. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes. “Isto creará unha importante zona para o desfrute da veciñanza, un espazo acolledor e amable para as persoas da zona e para toda a veciñanza de Lugo”.