Arroxo anuncia a peonalización da rúa Gallego Tato

LugoXa
O Concello de Lugo peonalizará a rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, así o explicou hoxe o tenente alcalde, Rubén Arroxo.
Peonalizacion gallego tato
6 Maio 2022

O Concello de Lugo peonalizará a rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla. Así o explicou hoxe o tenente alcalde, Rubén Arroxo, quen presentou o proxecto das obras que avanzan nas actuacións nas contornas escolares.

Arroxo afirmou que estas accións de calmado do tráfico ao redor das escolas comezou hai dous anos e medio e continúa agora “coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel”.

O Goberno local humanizará o treito que comunica a rúa Lavandeira coa Magnolia. O vicealcalde, que se reuniu hoxe coa Anpa do CEIP Luís Pimentel destacou que se trata da escola con máis estudantes na cidade, situado nunha zona onde conflúen outros centros e instalacións deportivas. “Faise necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza”.

O Goberno de Lugo abrirá o procedemento de licitación nas vindeiras semanas, cun orzamento base de 259.249,82€. “Buscamos executar a obra durante as vacacións de verán, para que co comezo do curso a maior parte dos traballos xa estén realizados, tratando de producir as menores molestias posibles ao normal funcionamento do centro escolar”, declarou Arroxo.
“Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas”.

0.18340992927551