Arroxo anuncia novas melloras no Sagrado Corazón
O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou hoxe que o Goberno ampliará a renovación da praza do Sagrado Corazón. En palabras de Arroxo, a área de Infraestruturas traballará na imaxe da contorna cunha nova intervención na pasarela que da acceso ao ascensor.
“A actuación comezará a executarse nas vindeiras semanas”, explicou o vicealcalde.
O Goberno local retirará o pavimento e demolerá o muro actual, para instalar outros novos que den continuidade o acceso do ascensor. Contará con elementos metálicos e de vidro. Ademáis, instalaranse novos elementos para a recollida das augas pluviais que evitará filtracións na zona.
A actuación ten un orzamento de 47.825 euros e os traballos arrancarán nas próximas semanas. A renovación da praza do Sagrado Corazón converteu este lugar nun espazo aberto e amable coa veciñanza, ademáis de permitir a renovación da rede de alumeado.
CULTURBAN
Asemade, o tenente de alcalde lembrou que a praza do Sagrado Corazón será un dos puntos clave no festival de arte urbano Culturban. A mostra de arte de rúa promovida pola área de Cultura, achegará este ano unha gran selección de artistas cunha dilatada traxectoria mural.