Arroxo anuncia novos pasos de peóns elevados

LugoXa
Rubén Arroxo confirmou que, en todos os casos, dispoñeranse sinais para avisar ao tráfico desta insfraestrutura
paso-peons-elevados
10 sep 2024

O tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos para habilitar catro novos pasos elevados en catro novos puntos da cidade. As novas actuacións realizaranse na Ronda das Fontiñas e nas rúas Mazaira, Curros Enríquez e Afonso X o Sabio, continuando co traballo feito noutros barrios e distintas zonas da cidade, como contornas escolares e puntos conflitivos.

A Tenencia de Alcaldía continúa deste xeito a mellorar a seguridade peonil, xa que se reduce notablemente a velocidade dos vehículos, e garántese unha plataforma física a distinto nivel ca o resto da calzada. En todos os casos, dispoñeranse sinais para avisar ao tráfico dun paso peonil elevado.

No caso da Ronda das Fontiñas 29, disporase un paso de peóns elevado na situación do paso existente; mentres que nas rúas Mazaira 12, Curros Enríquez 11 e Afonso X o Sabio (que foi rematado nos últimos días), se disporá dun paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada.

Rubén Arroxo destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando nas zonas escolares, e que agora expandimos a novas zonas da cidade". O Tenente de Alcaldesa e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas sinalou que "buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade".

0.20106101036072