Arroxo anuncia un novo récord de usuarios do servizo de autobuses urbanos

O tenente Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou un novo récord de usuarios e usuarias no transporte público da cidade durante o mes de xullo de 2025, que se pechou cun total de 186.454 billetes expedidos. Esta cifra supón un novo récord histórico para este mes, consolidando a tendencia ascendente que vén rexistrando o servizo nos últimos anos.
"Xullo adoita ser un mes con pouco uso do bus urbano, a finalización do curso escolar e as vacacións das veciñas e veciños reducen os desprazamentos, máis este ano seguimos a ver un aumento no uso do bus urbano, o que reflicte unha fidelización crecente da veciñanza co transporte público", sinalou Arroxo.
A evolución dos datos confirma esta tendencia: en xuño de 2019, un ano antes da baixada no uso debido á pandemia, o servizo rexistraba 116.755 viaxeiros, 18.768 menos que neste ano. O ano pasado, a marca xa foi a maior da historia até o momento, chegando a 171.837 billetes expedidos. Este 2025 superouse esa cifra en 14.617 billetes.
"O bus urbano segue demostrando que é a mellor maneira de moverse por Lugo", afirmou Arroxo. "Temos unha rede de liñas que conecta a preto do 90% da poboación e tarifas moi accesibles. Iso está a facer que cada vez máis xente escolla o transporte público no seu día a día."
Desde a área de Mobilidade continúa o traballo para fomentar o uso do bus urbano como un medio económico, sustentable e cómodo, que evita problemas como o aparcamento e reduce a pegada de carbono na cidade.
O billete ordinario custa 0,64€, con desconto a 0,45€ usando a Tarxeta Cidadá, e só 0,31€ para colectivos bonificados (persoas con mobilidade reducida, pensionistas, estudantes ou persoas desempregadas). Ademais, os transbordos son gratuítos para quen emprega a Tarxeta Cidadá.