Arroxo anuncia unha nova intervención do plan de renovación da rede de alumeado público

LugoXa
A última actuación proxectada executarase nas rúas Monforte, Luís Cordeiro, Narciso Peinado e Serra de Ancares
renovacion-alumeado-lugo
16 Mar 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo continúa a traballar no plan de renovación da rede de alumeado público de Lugo, cunha nova actuación que mellorará o alumeado das rúas Monforte, Luís Cordeiro, Narciso Peinado e Serra de Ancares. Arroxo explicou que "seguimos traballando en distintas zonas da cidade para garantir un alumeado público eficiente enerxeticamente e que garanta que non haxa zonas escuras nas rúas".

O Goberno de Lugo retira, con esta intervención, en total 28 luminarias de Vapor de Sodio con potencias entre 168 e 276W, instalando puntos LED de entre 3 e 25W, o que permitirá aforrar 886 kWh ao ano. O alumeado permitirá unha maior harmonización da contorna, ao ser unha luz uniforme en toda a trama e ao unificarse a temperatura de cor. Con esta actuación mellorarase tamén a uniformidade lumínica, eliminando zonas escuras, e renovaranse elementos da instalación como caixas de conexión e condutores e reducindo o risco de avarías na rede.

Arroxo explicou que dende a chegada ao Goberno de Lugo "traballamos continuamente na redución do gasto público ao tempo que a veciñanza de Lugo pode desfrutar dun alumeado eficiente". Os criterios utilizados á hora de realizar estas actuacións son a recuperación das luminarias existentes adaptándoas ás novas tecnoloxías, reducir os residuos xerados e os custos de implantación e a renovación do resto de elementos que conforman a rede de alumeado, o que diminúe as avarías e as molestias á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.20183491706848