Arroxo asegura que a vixilancia das atraccións seguirá a ser exhaustiva por parte do Concello

LugoXa
Lembrou,a tenor do suceso en Vigo, que as festas da cidade e dos barrios deben ser autorizadas
barracas-san-froilan
Barraca
4 Aug 2024

Tras a tráxica morte dun home nunha atracción das festas de Vigo o tenente alcalde do Concello de Lugo explicou que "debemos de tratar por todos os medios de evitar accidentes" e engadiu "moitas veces temos que tomar medidas que resultan pouco populares como foi o caso das festas do Castiñeiro deste ano". Arroxo explicou que "dende o Concello autorízanse moitas festas con atraccións, mais non se pode mirar para outro lado cando se incumpre a normativa por que o perigo de accidente existe sempre". O Concello de Lugo autorizou as festas das Gándaras, a Ponte, a Piringalla, Bispo Basulto, Montirón, festas en distintas parroquias e os lumes novos da noite de San Xoán.

Os servizos técnicos municipais revisan o cumprimento da normativa do concello e da Lei de Espectáculos Públicos de Galiza marcada pola Xunta. Arroxo lembrou que "a pesares disto temos que soportar criticas, irresponsables, como as que fixo naquel momento a cabeza de lista do PP en Lugo que pediu unha maior empatía coa xente que non cumpre as normas". "Nós temos que ser serios e rigorosos nunha actividade como esta na que existen riscos, e nun tema de seguridade non podemos consentir que se instale ningunha barraca que non garanta ter todo en regra" dixo Rubén Arroxo. A pesares disto, a mesma atracción que provocou o accidente das festas de Matamá en Vigo provocara un accidente, por un fallo humano, nas festas do San Froilán 2023 onde dúas nenas de 11 anos resultaron feridas cando se levantou a barra de seguridade da súa carlinga.

Dende a Tenencia de Alcaldía faise fincapé en que para a celebración das festas dos barrios é preciso entregar a documentación un mes antes, malia a todo adoitase ser flexibles con isto, para facilitar a celebración das festas. "Colaboramos coas comisións de festas pero debemos ser taxativos en caso de informes negativos ou falta das revisións pertinentes" dixo Arroxo Arroxo e explicou que "no goberno municipal somos sabedores que a instalación de atraccións é unha das vías de financiamento das festas de parroquias e barrios mais isto non debe ser a escusa para que se admita todo, en calquera momento, e en condicións descoñecidas". Nas festas de San Froilán, organizadas polo propio concello, existen dous funcionarios facendo funcións de comisariado das festas durante as 24 horas e colaborando coas persoas responsables das atraccións en temas de seguridade e da súa situación. Ademais as barracas teñen a obriga, antes de instalarse, de presentar toda a documentación e pasar a debida revisión por parte de técnicos competentes na materia.

0.17528200149536