Arroxo asegura que o próximo curso ampliaranse os vieiros escolares
O Tenente Alcalde anunciou que "continuaremos coa mellora da a seguridade nas contornas escolares e aumentaremos os colexios que teñen acceso a este proxecto de cara ao vindeiro curso".
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, valorou como "un éxito" a participación das nenas e nenos cada día nos vieiros escolares postos en marcha pola Tenencia de Alcaldía do concello de Lugo. Arroxo destacou "a boa recepción e a implicación demostrada polas familias e polas nenas e nenos con este proxecto", e anunciou que de cara ao vindeiro curso escolar “traballaremos para ampliar os vieiros a todos os colexios de Lugo”.
Rubén Arroxo vinculou o éxito dos vieiros “ás distintas iniciativas postas en marcha pola Tenencia de Alcaldía, como o calmado do tráfico, que contribuíron a crear ambientes máis seguros nas contornas dos centros de ensino”. O Tenente Alcalde anuiciou tamén que o Goberno de Lugo seguirá a traballar “na mellora da seguridade nas contornas escolares, aumentando tamén o número de monitores que atenden cada mañá ás nenas e nenos”.
Os Vieiros Escolares Seguros reúnen cada mañá a máis de 40 nenas e nenos, un 10% do total de estudantes do CEIP Albeiros. "Este curso expandimos o proxecto tamén ao CEIP Rosalía, onde está tamén a ter unha boa aceptación entre as familias", declarou o Tenente Alcalde. O colexio Franciscanos conta coa colaboración do Concello de Lugo para a organización dos Vieiros.
Con esta iniciativa, a Tenencia de Alcaldía busca “crear o hábito de ir a pé ao colexio. A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado, o que favorece a reducir os problemas de tráfico nas entradas e saídas dos colexios.