Arroxo comprométese a crear zonas de sombra na urbe plantando máis de 500 árbores
O candidato do BNG á alcaldía de Lugo anunciou unha das propostas “para reducir os efectos do cambio climático nas rúas de Lugo”.
O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo anunciou que o BNG desde o Concello de Lugo executará “un gran número de medidas destinadas a paliar os efectos do cambio climático”, e anunciou que co BNG á fronte da Alcaldía “crearemos zonas de sombra en todos os barrios, plantando máis de 500 árbores, o que permitirá converter a cidade nun gran pulmón verde ao mesmo tempo que mantemos unha temperatura agradable nas rúas”.
"A situación require de moitas accións a nivel global, mais é preciso tamén traballar a pequena escala desde os concellos e cada persoa de xeito individual para tratar de reducir as consecuencias do cambio climático", afirmou Rubén Arroxo, que destacou que no presente mandato, desde as áreas xestionadas polo BNG “fixemos un importante esforzo para paliar os efectos do cambio climático”.
Entre as principais propostas do BNG para garantir a preservación ambiental atópase o calmado de tráfico, o investimento en maior eficiencia enerxética e a xestión sustentábel da auga. BNG aposta tamén por fomentar a compostaxe como xeito de reducir a pegada de carbono derivada do tratamento do lixo orgánico.