Arroxo comprométese a poñer en marcha o transporte a demanda no rural
O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG á fronte da Alcaldía de Lugo poñerá en marcha un servizo de transporte a demanda para a zona rural no primeiro ano de goberno. Arroxo explicou que “con este sistema, a veciñanza das parroquias sen servizo de bus poderán solicitar un taxi para achegarse ata a cidade, a custo reducido”.
O candidato do BNG afirmou que “a única cidade que se está a traballar neste modelo é Pontevedra”, e lembrou que ”mantivemos distintas xuntanzas co goberno pontevedrés para coñecer o funcionamento deste sistema e poder aplicar un modelo similar en Lugo”. Arroxo explicou que “sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible”.
“Desde o BNG traballaremos por garantir un medio rural sostible, cunha política rural propia adaptada ás condicións das 54 parroquias que conforman o noso concello” explicou o candidato do BNG á Alcaldía, que engadiu “facilitaremos a relación entre o medio rural e o urbano, e fomentando un desenvolvemento sostible, socialmente xusto e viable”.
Arroxo afirmou que “neste mandato comezamos a traballar no noso modelo para a zona rural”, e destacou as actuacións executadas polas áreas do BNG en Castelo ou Galegos, “aumentando a calidade de vida da veciñanza, e apostando por aumentar a comodidade tanto nos desprazamentos en coche como para os peóns”.