Arroxo comprométese a seguir traballando na renovación da rede de alumeado público de Lugo
O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo anunciou que co BNG á fronte da Alcaldía do Concello de Lugo continuará a traballar “para mellorar a rede de alumeado público, aumentando as zonas que contan con alumeado LED, eliminando zonas escuras e buscando unha menor pegada de carbono nun dos elementos que máis enerxía gastan de todo o concello”.
"A loita contra o cambio climático require de moitas accións a nivel global, mais é preciso tamén traballar desde os concellos tratar de reducir as consecuencias e a súa afección sobre o territorio", afirmou Rubén Arroxo, que destacou que no presente mandato, desde as áreas xestionadas polo BNG “fixemos un importante esforzo para paliar os efectos do cambio climático, investindo preto de 3 millóns de euros para renovar a rede de alumeado público municipal, eliminando un gran número de luminarias con elementos contaminantes como o vapor de sodio”.
O BNG traballará a partir do 28 de maio en continuar a renovar o alumeado, “seguiremos traballando para que Lugo conte cun alumeado público eficiente e de calidade, ao mesmo tempo que reducimos o consumo e o custo da electricidade do concello”, afirmou Rubén Arroxo.