Arroxo critica o escaso apoio da Xunta ao San Froilán e denuncia un novo desprezo a Lugo

LugoXa
O BNG censura que o Goberno galego só achegue 25.000 euros ás festas e alerta do castigo político do PP á cidade
San-Froilán-2024
6 Aug 2025

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, arremeteu contra o Goberno galego por limitar, un ano máis, a súa achega económica ao San Froilán a 25.000 euros.

Arroxo anunciou que a Xunta de Goberno local vén de aprobar o convenio entre o Concello, a entidade financeira Abanca —que contribuirá con 10.000 euros— e a propia Xunta, á que cualificou como “o patrocinador institucional máis irrelevante da gran festa do outono galego, por moita diferenza”. O representante nacionalista cualificou esta contía como “unha mostra clara do desprezo da Xunta cara á cidade de Lugo” e un reflexo do “castigo constante que o PP exerce sobre esta cidade”.

En declaracións aos medios, Arroxo tamén cuestionou os investimentos do Executivo galego en Lugo, asegurando que “para o PP, canto peor estea a cidade, mellor”. En lugar de criticar as iniciativas locais, o portavoz do BNG instou ao Goberno galego a incrementar o seu apoio económico ao San Froilán e a resolver cuestións pendentes como a situación do Barrio da Tinería, a recuperación do cuartel de San Fernando ou outras demandas históricas sen atender.

Arroxo tamén se referiu á recente apertura dos aparcadoiros do IES Ollos Grandes, que permanecían pechados dende había máis dunha década. “Foron públicos hai 15 anos, pecháronos dun día para outro e non se volveron abrir ata agora”, sinalou. O líder do BNG ironizou co feito de que “premer un botón para subir unha barreira levase tanto tempo”, e lamentou que o PP “prefira criticar en lugar de deixar de castigar a Lugo”.

Novas iniciativas aprobadas na Xunta de Goberno

Na mesma comparecencia, Rubén Arroxo informou da aprobación dunha subvención nominativa de 10.000 euros para a entidade Club Vermella Española, destinada ao ano 2025. Esta axuda financiará o programa “Creando redes de barrio”, centrado en accións formativas dirixidas a asociacións veciñais para fomentar a relación entre veciños, promover actividades interxeracionais, combater a soidade non desexada e incentivar a participación cidadá. O proxecto inclúe un total de 28 actividades, cunha duración global de 115 horas.

Tamén se deu luz verde ao inicio do procedemento de licitación para a demolición da plataforma sobre o Carril das Flores e a construción dunha nova pasarela.

Segundo explicou Arroxo, esta nova estrutura terá un deseño máis reducido para permitir a entrada de luz na parte inferior e incluirá a retirada dos muros actuais para deixar á vista o antigo muro de pedra. O investimento previsto é de 371.046,91 euros e o prazo de execución será de sete meses.

O nacionalista lembrou que esta actuación é independente do proxecto de humanización do Carril das Flores, previsto para a seguinte sesión da Xunta de Goberno.

Finalmente, tamén se aprobou a licitación do contrato para o deseño, maquetación e impresión da revista Xistral e do libro San Froilán dos Devanceiros, logo da renuncia da empresa anterior. O Concello incautará a fianza depositada pola anterior adxudicataria, de 188,57 euros, e reabre o concurso público cun novo orzamento de 5.961,54 euros.

⚙ Configurar cookies
0.52950811386108