Arroxo defende que "Fontiñas ten máis problema de estacionamento que a zona de Casás"

LugoXa
O tenente alcalde destacou que "a prioridade á hora de investir o diñeiro público debe ser mellorar as zonas que máis o necesitan"
Rubén-Arroxo-con-veciños-da-zona-de-Casás
28 Jan 2025

O portavoz do BNG en Lugo e tenente de alcalde do Concello, Rubén Arroxo, respondeu ás declaracións da presidenta da Asociación de San Antonio sobre a construcción do aparcadoiro na Avenida Breogán, asegurando que o BNG non se opoñía á infraestrutura, pero subliñou que "o máis preciso" sería que a Xunta fixese esta obra en Fontiñas, unha zona que, segundo Arroxo, "ten máis problemas de estacionamento" que a zona de Casás.

Arroxo destacou que "a prioridade á hora de investir o diñeiro público debe ser mellorar as zonas que máis o necesitan", e remarcou que "Casás non ten os mesmos problemas de estacionamento que se poden ver en Fontiñas". Ademais, explicou que desde que o BNG soubo das dificultades xeradas polo proxecto no barrio de Casás, mantiveron diversas reunións cos veciños e veciñas afectados, esixindo á Xunta que solucionase os problemas de drenaxe na nova infraestrutura.

O portavoz convidou á presidenta da Asociación de San Antonio a reunirse coas veciñas e veciños para coñecer de primeira man a problemática da zona.

O proxecto do aparcadoiro en Casás, que deixou verquidos de augas pluviais cara a un dos principais accesos ao barrio, dificultou o acceso dos veciños ás súas vivendas, especialmente en días de choiva. Esta situación foi levada ao Parlamento Galego polo BNG, a través da deputada Montse Valcárcel, que reclamou "unha solución máis axeitada para o tratamento das augas pluviais", alertando dun gasto de 1,2 millóns de euros que estaba prexudicando aos residentes da zona.

O BNG considerou "unha boa noticia" que, en outubro de 2024, a Xunta anunciase que ía abordar a mellora da drenaxe e solucionar esta problemática, o que se espera poida mellorar a situación para os veciños e veciñas de Casás.

0.1671838760376