Arroxo e Penas reúnense con usuarias e usuarios de motocicletas en Lugo
“Escoitamos as necesidades do colectivo e seguiremos traballando para que todas as persoas que decidan desprazarse nun medio distinto ao coche poidan facelo con seguridade”, explicou Arroxo.
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza con integrantes do colectivo Lóstregos Lucus, onde escoitaron as súas reclamacións para a mellora da mobilidade en motocicleta no tecido urbano de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que “desde o Goberno de Lugo traballamos nos últimos anos para favorecer o uso de medios de transporte alternativos”, e engadiu “escoitamos as reclamacións das e dos usuarios de motocicletas para mellorar a mobilidade con este medio de transporte”.
No último mandato, coa renovación integral da sinalización horizontal, a área de Mobilidade dirixida por Rubén Arroxo remodelou o pintado dos pasos de peóns, reducindo o risco de resbalón para motocicletas e bicicletas. Ademais, as prazas para persoas con mobilidade reducida agrandáronse e mellorouse a sinalización das zonas de coexistencia de tráfico e estacionamento.
“Seguimos a traballar para que máis xente aposte polos medios de transporte alternativos”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “hoxe Lugo é unha cidade segura para desprazarse con calquera medio de transporte ou a pé, isto é froito do traballo realizado estes anos na mellora da seguridade viaria e no calmado do tráfico”.