Arroxo esixe atención primaria toda a semana en Nadela

LugoXa
"A Xunta de Galiza utiliza palabrería barata para tratar de enganar ás máis de 700 persoas usuarias do centro de saúde”.
reunion arroxo vecinos nadela
26 Out 2023

"A Xunta de Galiza utiliza palabrería barata para tratar de enganar ás máis de 700 persoas usuarias do centro de saúde”.

O viceiro do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que a Xunta de Galiza vén de confirmar a súa intención de recortar os servizos médicos do centro de saúde de Nadela. "Segundo a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria do Sergas, e o xerente da área sanitaria de Lugo, Nadela terá só médico tres días á semana" dixo Rubén Arroxo e engadiu que "mediante palabrería barata pretendese enganar ás máis de 700 persoas usuarias mais a realidade é teimuda e o recorte na asistencia non se lle escapa a ninguén."

Arroxo lembrou que no verán a veciñanza denunciaba o peche do centro e que a Xunta respondeu que se trataba dunha cuestión temporal, “mais estamos a finais de outubro e a veciñanza de Nadela aínda non pode utilizar o seu centro de saúde habitual, tendo que ir a Fingoi algúns días da semana, agora a Xunta e o PP confirman que esta situación seguirase a dar”. O BNG defende que a decisión do goberno galego merma a calidade da atención primaria, e obriga á poboación, en moitos casos maior e con problemas de mobilidade, a desprazarse de maneira innecesaria.

“O peche definitivo da instalación sería unha perda de servizos para unha das zonas do rural de Lugo con máis poboación”, indicou Arroxo. O BNG reclamará á Xunta que garanta a atención sanitaria no Centro de Saúde de Nadela á veciñanza das parroquias do sur de Lugo, cubrindo as distintas prazas libres no Centro de Saúde e garantindo a substitución do persoal durante as vacacións. O portavoz do BNG afirmou que "a Xunta de Galiza pretende pechar o centro nun proceso de desmantelamento da sanidade pública”, e engadiu “a veciñanza ten que poder asistir ao seu médico todos os días, non ter atención dous días á semana no seu centro de saúde e ter que desprazarse o resto”.

0.22372817993164