Arroxo explica o seu plan de que haxa un espazo peonil a cinco minutos de cada vivenda
O candidato do BNG á alacaldía de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que a partir do 28 de maio, co BNG na alcaldía, traballará para convertera a Lugo "na cidade dos 5 minutos, unha cidade na que todas as persoas teñan un espazo peonil dispoñible a menos de 5 minutos da súa casa". Arroxo explicou que o BNG propón acondicionar áreas peonís en todos os barrios onde sexa posible, "zonas que sexan útiles, puntos de convivencia para o desfrute das persoas".
Arroxo puxo como exemplo a rúa Rafael de Vega, peonalizada polo BNG neste mandato. "esta rúa converteuse en moi pouco tempo nunha área moi utilizado pola veciñanza da zona, transformando un espazo que antes estaba ocupado por coches e que foi obxecto dunha importante remodelación da mobilidade, mellorando tanto a seguridade viaria como a cantidade e calidade dos espazos peonís desta zona de Lugo". Arroxo lembrou que "esta zona da cidade conta con moita poboación e antes da actuación do BNG non tiña zonas adicadas ao uso e desfrute da veciñanza"
O concelleiro nacionalista afirmou que "vimos durante a pandemia como as cidades estaban deseñadas para os coches, cando se permitiu saír á rúa vimos como non contabamos con zonas peonís amplas que permitiran a presenza da xente nas rúas".
O candidato do BNG destacou "a importancia de contar con espazos peonís axeitados en todas as zonas", e afirmou que "desde o BNG seguiremos traballando para que as persoas sexan o centro da mobilidade en Lugo, e a partir do 28 de maio continuaremos a executar este modelo nas zonas da cidade onde sexa posible".