Arroxo insta á Xunta a investir na rehabilitación da Tinería

Na súa primeira comparecencia tras a Xunta de Goberno, o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, instou á Xunta de Galicia a actuar de xeito equilibrado en todos os concellos do país.
O representante municipal cuestionou a disparidade de investimentos, comparando os 12 millóns de euros anunciados para Ferrol co estado de abandono no que se atopa o barrio da Tinería en Lugo, onde a maior parte do patrimonio depende da administración autonómica. "Leva 16 anos sen unha intervención real", denunciou.
Arroxo tamén puxo en dúbida a recente proposta do Partido Popular sobre o Pazo de Dona Urraca, recordando que no ano 2008 xa se convocara un concurso de ideas para este espazo sen que a Xunta chegase a executar ningunha das iniciativas presentadas.
Ademais, sinalou a falta de actuacións noutras edificacións de relevancia no barrio. "A Casa Torre segue abandonada e nos fornos limitáronse a retirar unha chapa metálica deteriorada para substituíla por unha estrutura de madeira, algo que tentaron vender como unha gran intervención", criticou. Segundo Arroxo, a rehabilitación da Tinería é unha cuestión urxente que a Xunta non pode seguir adiando.
O Tenente Alcalde subliñou que é positivo que a Xunta destine fondos á recuperación de Ferrol, pero insistiu en que "o investimento en rehabilitación debería ser equitativo en todas as cidades galegas". Lembrou que a administración autonómica ten a competencia en materia de vivenda e que non pode ignorar a situación dun barrio como o da Tinería, que posúe tres Patrimonios da Humanidade e sofre unha precariedade evidente.
Por último, Arroxo reiterou a necesidade de apostar pola rehabilitación urbanística en todas as cidades galegas, especialmente nun contexto de crecente dificultade no acceso á vivenda. "Agora é máis necesario ca nunca que a Xunta asuma a súa responsabilidade e actúe con decisión", concluíu.