Arroxo presenta o proxecto para a remodelación do Carril das Flores

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, presentaron o proxecto de humanización do Carril das Flores, "unha iniciativa importante que nos permitirá avanzar en dous eixos: primeiro, rematar cun dos puntos de maior feísmo da cidade e ao mesmo tempo un dos puntos máis relevantes, ao ser a chegada do Camiño Primitivo á Muralla, e por outra banda, avanzar na creación do gran eixo de mobilidade leste-oeste, cunha nova rúa humanizada e con espazos de convivencia pensados para as persoas".
O Tenente Alcalde afirmou que "desde a Tenencia de Alcaldía seguimos a traballar para que Lugo sexa un lugar mellor, ampliando os espazos públicos para crear zonas de referencia en toda a cidade". Arroxo destacou que este proxecto é necesario para seguir "a tranformar a cidade", e definiu esta actuación como "un importante reto a asumir que nos permitirá mellorar os espazos públicos de Lugo".
A actual pasarela do Carril das Flores, ubicada na zona próxima á rolda da Muralla, renovarase construíndo unha nova estrutura metálica lixeira sobre piares e vigas coa cimentación soterrada. "Deste xeito, conseguimos que o muro orixinal se vexa íntegro e ampliamos o ancho da parte inferior en, polo menos, 1,2 metros", explicou Rubén Arroxo. A solución plantexa unha integración estética que aporte continuidade á Mosqueira e á praza do CAmiño Primitivo "dando unha imaxe de uniformidade ao longo do Carril das Flores". A parte superior manterá o pavimento de plaqueta, mentres que a zona superior habilitarase unha calzada de formigón e unha zona peonil baseada en granito, con xardineiras de aceiro Corten e instalando novos bancos.
Na parte inferior realizarase un falso teito cunha cor clara para dar contraste á estrutura "e crear un bo ambiente visual que transforme por completo a zona", dixo Arroxo.
O Carril das Flores converterase nunha plataforma única con zonas de tránsito peonil e para os vehículos que saian do aparcamento ben diferenciadas. O pavimento será de formigón e a nova rúa contará con espazos axardinados e bancos. Renovarase todo o alumeado da vía, soterrando as canalizacións e ampliando a rede "para eliminar por completo as zonas escuras". Para esta vía reutilizaranse as columnas de alumeado de fundición que se recuperaron do casco histórico, "dando unha mellor imaxe á contorna e avanzando na implantación de alumeado LED", explicou Rubén Arroxo.
Renovarase tamén o sistema de drenaxe, instalando unha canaleta lonxitudinal que recolla toda a auga superficial da calzada, dado que a pendente da zona non permite a colocación de drenaxe oculta. Ademais, renovaranse as canalizacións de saneamento e a rede de abastecemento, onde se elimina o PVC e se instalará fundición dúctil con novas bocas de rego e incendio, ademais de rego automaático nas zonas verdes proxectadas.
O Goberno de Lugo executará esta actuación con dous proxectos diferenciados, por unha banda, a renovación do Carril das Flores, que conta cun orzamento máximo de licitación de 777.931,60€ e un prazo de execución de 10 meses, e por outra a plataforma, que conta cun orzamento de licitación que ascende a 371.046,91€ e un prazo de execución de 7 meses. Isto permitirá, segundo dixo Rubén Arroxo, "que ambas actuacións se executen simultáneamente e que a transformación desta zona se complete o antes posible".
Rubén Arroxo destacou que esta actuación permitirá avanzar no concepto de cidade dos 5 minutos, "unha cidade na que calquera persoa, independentemente de onde resida, teña amenos de 5 minutos unha zona de estar ao aire libre". Ademais, esta actuación permitirá "dar un gran paso adiante" na creación do corredor peonil leste-oeste da cidade. "Un gran paseo peonil que une o barrio de Fontiñas co Río", explicou Arroxo, que lembrou que este percorrido nacería na praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas, subiría por Carril das Flores, continuaría pola Mosqueira, continuando pola Ronda da Muralla entrando en Recatelo a través do Carril dos Loureiros. O percorrido continuaría ou atravesando o barrio de Recatelo, ou polo novo Muro de Frei Plácido Rei Lemos, "e aquí teriamos a futura pasarela que nos permitiría cruzar cara a Magoi ou ao parque Marcos Cela, tamén por un espazo peonil", dixo Arroxo.