Arroxo presenta o proxecto para reconstruír o muro de Frai Plácido Rei Lemos
A área de Mobilidade e Infraestruturas propón a creación de novas zonas verdes e un novo paso accesible entre o barrio de Recatelo e o Parque de Rosalía.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e por persoal técnico da área de Mobilidade e Infraestruturas, presentou o anteproxecto de reconstrucción do muro da rúa Frai Plácido Rei Lenmos. Arroxo explicou que a finais de 2022, o Goberno de Lugo procedeu a apuntalar despois de que os servizos técnicos do Concello de Lugo revisaran o desgaste da infraestrutura durante máis de 15 anos. "Os servizos técnicos do Concello decidiron que era o momento de actuar antes de que o deterioro do muro continuase", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "hoxe presentamos o anteproxecto da reconstrucción integral desta estrutura, onde aplicamos un gran número de melloras con respecto ao estado anterior deste muro".
O anteproxecto presentado hoxe busca mellorar a integración paisaxística do muro, ao mesmo tempo que busca eliminar a barreira arquitectónica que supón a diferencia de cotas, aplicando criterios como a o respecto polo entorno e a calidade estética da solución. A diferencia de alturas resolverase cunha solución máis orgánica e integrada que a actual, fuxindo da reconstrucción dun muro de gran altura que non dialoga coa contorna. "Proponse un escalonamento do muro en distintos bancais, o que permitirá mellorar o impacto visual da estrutura", explicou Rubén Arroxo.
No primeiro dos bancais, o máis próximo á rúa Frai Plácido Rei Lemos, proponse unha zona completamente axardinada, "creando unha nova zona verde na cidade para o desfrute de toda a veciñanza, e avanzando no obxectivo de crear un gran pulmón verde nas rúas de Lugo, reducindo a temperatura do pavimento especialmente nos días de máis calor", afirmou Rubén Arroxo.
No segundo dos bancais proxéctase unha praza arbolada, plantexada como un pequeno espazo de descanso para a veciñanza. Este bancal permitirá dar unha imaxe máis orgánica ao conxunto ao mesmo tempo que consigue unha mellor integración do muro coa contorna e reduce o impacto paisaxístico.
No proxecto contémplase a reducción das cotas existentes entre a rúa Frai Plácido Rei Lemos e o Parque de Rosalía. "Crearemos un percorrido accesible para toda a veciñanza creando unha rampa accesible pola fronte do muro, na zona que parte do final do Paseo Vila de Foz, que remate na rúa Cidade de Viveiro, conectando o barrio de Recatelo co Parque sen barreiras arquitectónicas, avanzando nunha cidade máis accesible para todas as persoas", declarou o Tenente Alcalde.
O proxecto propón, finalmente, a creación dunha pérgola de madeira laminada, "unha intervención que se executará unha vez esté completa a peonalización do barrio de Recatelo, e que permitirá crear unha nova zona de sombra coa que poder desfrutar das vistas deste punto da cidade", explicou Rubén Arroxo, que engadi "con esta intervención darase continuidade ao mirador do Parque de Rosalía".