Arroxo presenta o seu proxecto para un "concello vangardista"

LugoXa
Rubén Arroxo: “o proxecto do PP para Lugo é propio do século XX, no BNG queremos un concello vangardista e humanizado”
mitin arroxo encontro fontinas nmg
20 May 2023

O candidato do BNG afirmou que “sería inimaxinable ver coches aparcados na praza de Santa María, algo que o PP permite na contorna da catedral de Mondoñedo”.

O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, comparou o modelo de cidade aplicado polo BNG coas distintas propostas achegadas polo Partido Popular. Arroxo afirmou que “mentres que desde o BNG estamos a cambiar Lugo, mellorando os espazos públicos e creando zonas de convivencia para as persoas, o PP propón un modelo caduco que demostra o descoñecemento da súa candidata sobre Lugo”.

Arroxo amosou esta mañá no debate organizado pola CRTVG unha imaxe da contorna da Catedral de Mondoñedo, espazo utilizado para o estacionamento na vila. “Sería impensable ver a contorna da nosa Catedral utilizada como aparcamento, isto é o que permitiu a candidata do PP aló cando foi alcaldesa”, explicou Arroxo, que engadiu “o proxecto do PP para Lugo é propio do século XX, mentres que desde o BNG estamos traballando para cambiar Lugo e converter o noso concello nun concello vangardista, un referente de humanización dos espazos públicos”.

Arroxo puxo en valor o traballo executado polo BNG nestes catro anos a través da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, coa peonalización de 14 rúas e un importante esforzo no calmado do tráfico. “Gañamos case dúas hectáreas de espazos peonís humanizados e aumentamos enormemente a seguridade peonil”, afirmou Rubén Arroxo, que pediu o apoio da veciñanza para o BNG afirmando que “se Lugo cambiou tanto co BNG na tenencia de Alcaldía, imaxinade o que seremos capaces de facer a partir do 28 de maio desde a Alcaldía de Lugo”.

Na xornada de hoxe, o BNG achegou as súas propostas para Lugo con mesas informativas no barrio de Fontiñas, onde se celebrou un encontro aberto de Rubén Arroxo coa veciñanza.

0.1673698425293