Arroxo propón unha mesa de diálogo entre institucións para mellorar as infraestruturas de Lugo
A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Lugo para reclamar nesta cidade unha conexión ferroviaria “do século XXI” onde tamén se conecte Lugo co Corredor Atlántico de Mercadorías. A líder do BNG estivo acompañada por Néstor Rego, deputado no Congreso, e por Rubén Arroxo, candidato nacionalista á Alcaldía de Lugo.
“Precisamos poñer Lugo no mapa con infraestruturas que garantan a conectividade desta provincia e con ela máis oportunidades económicas e laborais e tamén mellores condicións de vida”, reclamou Pontón, que puxo o foco no feito de que esta cidade aínda non conta “cun servizo ferroviario que se aproxime aos estándares esixibles no século XXI”, xa que a súa vía está aínda sen electrificar e é “a única cidade capital de provincia que non conta con conexión directa a Santiago de Compostela, a capital do País”, con liñas e frecuencias que non responden ás necesidades da veciñanza que se despraza para traballar ou estudar.
A líder do BNG responsabilizou desta precaria situación ao goberno central e o Goberno do PP na Xunta, xa que “o que están facendo con Lugo é cercenar o seu progreso quitándolle oportunidades, prexudicando a cidadanía e ao seu tecido económico e produtivo”, remarcou, fronte ao cal está un BNG que estima o tren “como medio de transporte do presente e do futuro, aliado na loita contra o cambio climático e dunha mobilidade sustentable, tanto para persoas como para mercadorías”, polo que se fai fundamental, sinalou, a conexión de Lugo co Corredor Atlántico de Mercadorías.
Pontón non se esqueceu tampouco doutras vías de transporte como a A-6, “en mal estado desde hai anos e agora, despois do derrubamento do viaduto do Castro, sen poder usarse”. Unha estrutura pola que as galegas e galegos “levan nove meses agardando para a súa reconstrución, xa que se trata “dunha infraestrutura estratéxica para Lugo pero tamén para o conxunto de Galicia”, o que evidencia un goberno do PSOE “que non lle importa Galicia e un Goberno do PP incapaz de defender os intereses do País”, cualificou, unha factura que pagan, finalmente, “as empresas de Lugo e do conxunto de Galicia”.
Ao estado da A-6 súmaselle tamén o da Autovía A56 entre Lugo e Santiago, “sen rematar desde hai 20 anos”, criticou a portavoz nacional, xunto con dous treitos aínda pendentes da A-54, Palas-Melide e Melide-Arzúa, afectados por diversas demoras. Unha “discriminación e centralismo que acaba por saír moi caro o centralismo e a discriminación de Lugo das forzas políticas estatais”.
Unha “ofensiva institucional” para defender os intereses de Lugo e Galicia en Madrid
Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou unha nova ofensiva institucional na liña do “inxente traballo desenvolvido nestes anos en todas as institucións”. A destacar, as iniciativas (Proposicións Non de Lei, Preguntas, emendas aos Orzamentos do Estado…) presentadas no Congreso desde o inicio da lexislatura xa que as principais infraestruturas que conectan Lugo dependen da Administración do Estado. “Presentamos numerosas iniciativas e emendas para dotar con cantidades suficientes a execución destas vías de comunicación e sacar Lugo do illamento mais o Goberno de PSOE e UP non tivo a vontade para solucinar este problema” lembra Néstor Rego.
Por iso, na recta final da lexislatura, o BNG retomará o traballo para que as necesidades de Lugo non caian no esquecemento, con novas iniciativas que teñen por obxectivo “superar o déficit histórico que sofre a Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias do que o máximo exemplo, polo desleixo dos sucesivos gobernos do Estado, é Lugo e a súa infracomunicación”.
Neste sentido, Rego indicou que a prioridade serán as infraestruturas e servizos ferroviarios, pois a organización nacionalista insiste na necesidade de “conectar Lugo a través deste modo de mobilidade do futuro, por ser eficaz, eficiente e sustentábel”. “A pesar de que por parte do Goberno do Estado existen moitos anuncios, non hai o investimento suficiente. Para alén de axilizar os traballos na liña Lugo-Ourense, hai que abordar a modernización da liña Lugo-A Coruña e estudar a conexión con Santiago. Tamén implantar o servizo de cercanías e contemplar Lugo na rede de mercadorías”.
En relación coas infraestruturas viarias, Néstor Rego urxiu rematar a A-54, que conecta Lugo coa capital do País, ficando por executar os tramos entre Palas de Rei e Arzúa. Tamén a autovía A-56 entre Lugo e Ourense e actuar para garantir a conservación da N-540.
Alén do máis, resalta a actividade institucional desenvolvida polo BNG a respecto do colapso do viaduto da A-6. “No Parlamento e no Congreso exiximos en numerosas ocasións axilidade na reparación e construción dos novos viadutos, así como reclamamos total transparencia na investigación das causas e responsabilidades e na inspección que se está a realizar en infraestruturas con métodos construtivos similares.
Un BNG que traballa en todas as institucións “para que Lugo conte”
O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, asegurou que, como futuro rexedor da cidade unha das primeiras cousas que fará “será convocar a todas as institución, Concello, Deputación, Xunta e o Estado nunha mesa de traballo diálogo para rehabilitar e rematar as infraestruturas que lle dan mobilidade a todas as veciñas e veciños de Lugo e tamén ás mercadorías para fixar empresas que faciliten emprego”, emprazou. Arroxo criticou que esta cidade “só teña autovía cara A Coruña e cara Ferrol, de feito hoxe nin temos autovía cara Madrid, non temos autovías nin para Santiago de Compostela nin para Ourense”, o que convirte esta cidade “na peor comunicada en materia ferroviaria en todo o País”, remarcou.
“Se queremos desenvolvernos economicamente e que se xere emprego teñen que existir comunicacións para que o noso concello estea á altura dos demais, obxectivo para o que o BNG traballa dende todas as institucións”, suliñou o candidato do Bloque á Alcaldía luguesa. Tamén lembrou que “ademais de Lugo, son moitos os concellos afectados por esta incomunicación. Dependen destas infraestruturas para unha comunicación fluída e de que Lugo conte”, declarou.