Arroxo propón unha mesa de traballo para demandar as infraestruturas pendentes

LugoXa
Arroxo liderará, como futuro alcalde de Lugo, unha mesa de traballo polas infraestruturas con todos os interlocutores e institucións
infraestruturas BNG arroxo
23 Maio 2023

O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciaron que o BNG traballará desde a Alcaldía de Lugo para "poñer a Lugo no mapa das infraestruturas, despois de anos de abandono por parte do goberno do estado e da Xunta de Galiza". Rubén Arroxo, declarou que, como futuro alcalde de Lugo, "convocarei a todas as institucións, Concello, Deputación, Xunta e ao Estado nunha mesa de traballo e diálogo para rehabilitar e rematar as infraestruturas que están pendentes de rematar", e engadiu "trátase de infraestruturas que dan mobilidade a todas as veciñas e veciños de Lugo e tamén ás mercadorías, o que permite fixar empresas e xerar emprego".

"Se queremos desenvolvernos economicamente e que se xere emprego temos qeu contar cunhas comunicacións dignas para que o noso concello estea á altura dos demais, obxectivo para o que o BNG traballa dende todas as institucións", afirmou Arroxo, que lembrou as necesidades de Lugo co mantemento de outras vías de transporte como a A-6, "en mal estado desde hai anos e agora, despois do derrubamento do viaduto do Castro, sen poder usarse".

Unha estrutura pola que as galegas e galegos "levan nove meses agardando para a súa reconstrución, xa que se trata "dunha infraestrutura estratéxica para Lugo pero tamén para o conxunto de Galiza", o que evidencia un goberno do PSOE "que non lle importa Galiza e un Goberno do PP incapaz de defender os intereses do País", cualificou, unha factura que pagan, finalmente, "as empresas de Lugo e do conxunto de Galiza".

Arroxo destacou que os distintos gobernos do estado e o Goberno do PP na Xunta "están quitándolle oportunidades a todas as veciñas e veciños de Lugo", e destacou que o BNG, coa alcaldía do Concello, "poñerá a Lugo no mapa das infraestruturas, garantindo a conectividade e con ela máis oportunidades económicas e laborais e tamén mellores condicións de vida".

Traballo no Congreso

"Presentamos numerosas iniciativas e emendas para dotar con cantidades suficientes a execución destas vías de comunicación e sacar Lugo do illamento mais o Goberno de PSOE e UP non tivo a vontade para solucinar este problema" lembra Néstor Rego, que anunciou que o BNG continuará co traballo para que as necesidades de Lugo non caian no esquecemento, con novas iniciativas que teñen por obxectivo "superar o déficit histórico que sofre a Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias do que o máximo exemplo, polo desleixo dos sucesivos gobernos do Estado, é Lugo e a súa infracomunicación".

En relación coas infraestruturas viarias, Néstor Rego afirmou que "urxe rematar a A-54, que conecta Lugo coa capital do País, ficando por executar os tramos entre Palas de Rei e Arzúa", e engadiu "é preciso tamén avanzar na construcción da A-56 entre Lugo e Ourense e actuar para garantir a conservación da N-540".

Rego resaltou a actividade institucional desenvolvida polo BNG a respecto do colapso do viaduto da A-6. "No Parlamento e no Congreso exiximos en numerosas ocasións axilidade na reparación e construción dos novos viadutos, así como reclamamos total transparencia na investigación das causas e responsabilidades e na inspección que se está a realizar en infraestruturas con métodos construtivos similares.