Arroxo quere que Lugo se converta na "cidade dos cinco minutos"

LugoXa
O candidato do BNG á alacaldía de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que a partir do 28 de maio “Lugo converterase na cidade dos 5 minutos"
Arroxo BNG
12 Abr 2023

O candidato do BNG á alacaldía de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que a partir do 28 de maio “Lugo converterase na cidade dos 5 minutos, unha cidade na que todas as persoas teñan un espazo peonil dispoñible a menos de 5 minutos da súa casa”. Arroxo anunciou a proposta do BNG de acondicionar áreas peonís en todos os barrios onde sexa posible, “zonas que sexan útiles, puntos de convivencia para o desfrute das persoas”.

Arroxo visitou a rúa Río Sil xunto con integrantes da candidatura do BNG, onde destacou que “a illa peonil que se creou desde o Goberno de Lugo converteuse en moi pouco tempo nunha área moi utilizado pola veciñanza da zona, transformando un espazo que antes estaba ocupado por coches e que foi obxecto dunha importante remodelación da mobilidade, mellorando tanto a seguridade viaria como a cantidade e calidade dos espazos peonís desta zona de Lugo”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “vimos durante a pandemia como as cidades estaban deseñadas para os coches, cando se permitiu saír á rúa vimos como non contabamos con zonas peonís amplas que permitiran a presenza da xente nas rúas”.

O candidato do BNG destacou “a importancia de contar con espazos peonís axeitados en todas as zonas”, e afirmou que “desde o BNG seguiremos traballando para que as persoas sexan o centro da mobilidade en Lugo, e a partir do 28 de maio continuaremos a executar este modelo nas zonas da cidade onde sexa posible”.

0.11123299598694