Arroxo reclama melloras nas infraestruturas ferroviarias para impulsar o uso do tren

LugoXa
Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, afirmou que a solución aos problemas de conexións ferroviarias de Lugo “precisan de investimentos serios que melloren as nosas infraestruturas”.
cervo via tren ruta xunco
21 sep 2023

Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, afirmou que a solución aos problemas de conexións ferroviarias de Lugo “precisan de investimentos serios que melloren as nosas infraestruturas”. Arroxo valorou a proposta de liñas circulares para as cidades galegas como “unha mellora para a situación actual”, mais afirmou que “isto non solucionaría o problema de incomunicación de Lugo, precisamos actualizar unha infraestrutura que quedou anclada no século XIX”.

O portavoz do BNG afirmou que “o tren está chamado a ser o medio de transporte do futuro”, mais destacou que ”para que a veciñanza aposte por este medio en vez de usar o coche, as liñas teñen que ser rápidas e seguras, algo que só se conseguirá actualizando as infraestruturas e creando unha verdadeira rede de cercanías na Galiza”.

Rubén Arroxo lembrou as propostas que desde o BNG se veñen reclamando nos últimos anos, como a creación da variante entre Curtis e Ordes, “que permitiría conectar Lugo e Compostela de xeito directo cun novo treito de vía de só 27 Km, e facendo que Lugo deixe de ser a única cidade que non ten conexión directa en tren coa capital de Galiza”, ou a actualización da vía Lugo – A Coruña, “un traxecto que en tren leva o dobre que en coche”. No ano 2020, unha delegación do BNG realizou a viaxe de Lugo á Coruña en tren, tardando 2 horas e 35 minutos, “practicamente o mesmo que o AVE de Ourense a Madrid que ese día fixo a súa viaxe inaugural”.

Sobre a Liña Lugo – Ourense, Arroxo afirmou que “a electrificación é un gran paso adiante que levaba moitos anos sendo necesario, mais imos continuar sen comunicacións en ferrocarril de alta velocidade debido ao trazado”. Segundo Rubén Arroxo, “desde o BNG seguiremos traballando para que o Goberno do Estado aposte en serio pola mellora da infraestrutura ferroviaria e que se poña a Lugo ao día en materia ferroviaria”.

0.19115281105042